A Biblioteca Universitaria de Santiago (BUSC) xa incorporou 7.000 teses no portal Dialnet, un dos meirandes acubillos do mundo en materia de investigación e literatura científica (sobre todo dos ámbitos das humanidades). As contribucións da comunidade de Santiago, achegadas sobre todo nos últimos mees, están dispoñibles na base de datos Teseo, incluíndo datos básicos de autor, título, dirección, información e composición dos tribunais, clasificacións UNESCO e ligazóns aos textos completos permitidos.
Segundo detalla a Universidade de Santiago, na actualidade Dialnet ofrece información dun total de preto de 10.000 teses defendidas en Galicia. No caso da USC, a partir da colaboración coa BUSC é posible acceder á información de 6.943 teses, das que 1.915 son a texto completo. O proceso de transferencia comezou polos traballos de doutoramento máis antigos, “cuxa visibilidade era menor ao non estar aínda incorporadas no repositorio institucional Minerva”, explica a USC, engadindo que na data de inicio do proceso, en Dialnet estaban accesibles 650 teses da USC, das que 95 eran a texto completo.
O portal Dialnet ten habilitada unha ligazón a través da que se pode acceder ao buscador institucional coa pestana de teses activa para a USC. O portal inclúe tamén cunha nova páxina de teses que, ademais de mostrar un novo buscador, dispón de dúas entradas principais: unha por materias da clasificación UNESCO e outra por Universidades. A icona de universidades conduce a un mapa coas teses achegadas por cada universidade distribuídas xeograficamente e ao pinchar en cada institución amosa diferentes gráficos que dan unha visión do reparto por áreas e anos.
A biblioteca da USC achega 7.000 teses ao portal Dialnet
Compartir Este Artigo

