Até o mércores celébrase en Seattle o encontro Microsoft Build, destinado a desenvolvedores, que botou a andar hoxe destacando o compromiso actual da compañía de Redmond coa nube, e así amosaron novas tecnoloxías que facilitarán aos desenvolvedores a tirar proveito da intelixencia artificial en Microsoft Azure, Microsoft 365 e a través doutras plataformas.
O director xeral de Microsoft, Satya Nadella, asegura que «a era da nube a o intelligent edge está aquí» ao que engadiu que «estes avances supoñen unha oportunidade incrible para os desenvolvedores, pero tamén supoñen a responsabilidade de asegurar que a tecnoloxía que construímos é fiable e beneficia a todos», de aí que decidisen lanzar un novo programa dotado con 25 millóns de dólares para os vindeiros 5 anos baixo o nome de AI for Accessibility, co que queren aproveitar a intelixencia artificial para mellorar a vida a persoas con algún tipo de discapacidade.
Coa tecnoloxía edge dende Microsoft fan referencia aos numerosos dispositivos que funcionan conectados á Internet, pero que precisan operar intelixentemente sen unha conexión constante á nube, para o que están a realizar achegas como a apertura do código de Azure IoT Edge Runtime e Custom Vision (solución baixo tal plataforma que permitirá que drons e equipamento industrial realice accións críticas rapidamente incluso sen conexión), así como acordos con DJI e Qualcomm para favorecer o desenvolvemento de solucións para drons e cámaras que operen sobre Azure IoT Edge.
Microsoft tamén anunciou Project Kinect for Azure (evolución de Kinect que pode ter numerosas aplicacións industriais, para comunicacións en tempo real ou incluso para facilitar que robots e drons perciban o contorno para evitar chocar con obstáculos), un SDK para dispositivos de voz, unha versión preliminar do Project Brainware (arquitectura para o procesamento de redes neuronais profundas), novas actualizacións nos servizos cognitivos de Azure que incorporan un servizo de voz unificado, novas actualizacións na Bot Framework e unha versión preliminar de Azure Search con integración con servizos cognitivos.
No ámbito da realidade mixta demostraron o potencial de Project Kinect for Azure, amosaron Microsoft Remote Assist (que facilita a colaboración remota) e Microsoft Layout (que permite traballar con espazos de realidade mixta que poidan ver o resto de participantes en tempo real).
Novas experiencias de Microsoft 365
Con aplicación máis directa tamén puideron verse novas ferramentas para Microsoft 365 que apoiándose en Microsoft Graph farán posibles aplicacións máis intelixentes e un conxunto de solucións tecnolóxicas dirixidas principalmente aos traballadores que resultarán de grande interese como a posibilidade de conectar os smartphones aos ordenadores con Windows 10 (podendo así intercambiar documentos entre ambos dispositivos e poder acceder de xeito instantáneo a mensaxes de texto, fotos e notificacións do móbil dende o PC), a adaptación do Microsoft Launcher aos contornos empresariais ou incluso as tarxetas adaptativas que facilitarán, por exemplo, poder aprobar un gasto dende un chat de Teams ou pagar unha factura dende un correo electrónico.
