As entidades que apoian a iniciativa Correlingua volven estes días a pechar fileiras arredor deste evento de promoción do uso de galego entre a nosa mocidade, poñendo o foco no maio das Letras Galegas (o antes, o durante e o despois do 17 de maio) e máis no Día da Internet (tamén, casualmente, o 17 de maio). Entre as entidades que pechan fileiras arredor de Correlingua e a súa vertente (correlingua.gal, a columna vertebral da iniciativa) atópase a Deputación de Lugo, que presentou este día 7 na súa sede a edición 2018 da actividade, baixo o lema A lingua non para.
A deputada Pilar García Porto fixo saber que se ben Correlingua celébrase en centros educativos de toda a nosa xeografía, a nivel lucense, mobilizará a 3.000 estudantes dun total de 56 centros (incluídos dous de Ourense).
Esta actividade conta cunha achega de 15.000 euros do Goberno provincial. No acto, García Porto, estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez; a concelleira de Cultura, Ensino, Xuventude e Igualdade de Monforte de Lemos, Marina Doutón Rajo, e o coordinador do Correlingua na Comarca de Lugo, Manuel Muñiz Besteiro.
A deputada salientou que “con esta iniciativa seguimos traballando e sumando esforzos en prol da nosa lingua, como elemento imprescindible e reivindicativo da nosa cultura e da nosa historia”. García Porto avanzou que a Praza de Santa María acollerá en Lugo esta carreira o día 9 de maio, e a Praza da Catedral de Mondoñedo será o escenario das actividades o día 10, e, por último, o día 14 de maio no Parque dos Condes de Monforte de Lemos celebrarase esta nova edición do Correlingua.
O coordinador do Correlingua na Comarca de Lugo relatou as propostas gañadoras neste edición 2018 nas diferentes modalidades. En vídeo de primaria e infantil venceu o alumnado de 5ºA do CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela), e no de secundaria e bacharelato o alumnado da ESO do CPR Seminario Menor A Inmaculada de Ourense. No Manifesto, gañou o alumnado de 3ºC do IES Antón Fraguas (Santiago de Compostela). E en Banda deseñada o alumnado de 5ºB do CEIP Albeiros de Lugo.
A programación deste ano 2018 inclúe actividades nun total de 12 Concellos de Galicia cos de Lugo, son os seguintes; Bueu, A Estrada, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Tomiño, Ourense, Ferrol e Vigo. En cada xornada celebrarase unha carreira, lerase o manifesto realizado polos alumnos de 3º C do IES Antón Fraguas, gañador do Correlingua 2018, Rapea, que a lingua non para, e tamén haberá actuacións musicais a cargo da Orquesta Cé Pantasma, e entregaranse os premios do concurso de pancartas.
Páxina de estrea
Polo que respecta á páxina web do programa de actividades, correlingua.gal, vén este ano cunha serie de novidades, incluíndo a remodelación do propio espazo en liña. Segundo contaron recentemente as entidades promotoras da iniciativa (a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística, as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo e os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Lugo), co novo sitio quérese fortalecer e mostrar con enerxías renovas os obxectivos da propostas e o seu roteiro de accións previstas para todos os recantos da nosa xeografía. Na web, dun xeito claro e moi visual, preséntanse recursos de utilidade como as bases dos concursos escolares nas modalidades de elaboración de manifesto, banda deseñada, vídeo e cantalingua. Tamén hai seccións de novidades, dos centros que participan e dos recursos multimedia que temos á nosa disposición. Igualmente, facilítase a inscrición de participantes.
Correlingua.gal colle impulso co apoio da Deputación de Lugo
Compartir Este Artigo

