O Centro Tecnolóxico Gradiant vén de dar un novo chimpo en materia de internacionalización dos seus achados. Segundo veñen de informar fontes do centro, a súa tecnoloxía biométrica de recoñecemento facial está a ser exportada á banca de Ecuador. Este fornecemento de recursos biométricos lévase a cabo en colaboración coa empresa española Umanick (especializada en solucións avanzadas para o recoñecemento de persoas a través das súas características) e, tamén, do banco ecuatoriano Cooperativa de Aforro e Crédito Policía Nacional (CPN), que foi quen mercou a aplicación do centro galego. Segundo informa este, a dita entidade financeira é a día de hoxe a terceira cooperativa financeira do país, fundada en 1976 por funcionarios do corpo nacional de policía de Ecuador.
O banco CPN xa iniciou a comercialización da aplicación, que dispón da tecnoloxía de detección de vida (liveness detection) de Gradiant, que garante que o usuario é unha persoa real co obxectivo de evitar falsificacións de identidade ou fraudes bancarias. Lembrar que a tecnoloxía de Gradiant de recoñecemento facial foi adquirida recentemente por outras entidades financeiras de América Latina e un dos tres principais bancos de EE.UU.
En base a adquisición e posta en marcha da ferramenta, os usuarios de CPN Ecuador poderán acceder á súa app de banca móbil ao mostrar a face de seu perante a cámara do dispositivo. O software de detección de vida de Gradiant protexe aos usuarios fronte a suplantacións de identidade ao comprobar que se trata dunha persoa e non unha fotografía. O desenvolvemento da tecnolóxica galega é utilizado por Umanick en formato de licenza.
A tecnoloxía de recoñecemento facial de Gradiant chega á banca de Ecuador
Compartir Este Artigo

