A actividade semana das Letras Galegas e de Internet (o 17 de maio e os días anteriores e posteriores) aínda se deixa notar. E faino con propostas que abranguen as dúas cuestións, o galego e as tecnoloxías. Sen ir máis lonxe, a deputada do BNG Olalla Rodil defendeu onte no Parlamento unha proposición non de lei para incorporar nas plataformas tecnolóxicas de contidos audiovisuais como Netflix ou Movistar+ subtítulos en lingua galega nos seus produtos.
Rodil convidou á Xunta a “desenvolver as medidas necesarias para garantir o acceso a unha oferta ampla de lexendados en lingua galega, tanto de filmes cinematográficos como series de televisión estranxeiras”, tanto para estreas nas salas de cinema como para as principais plataformas dixitais de contidos, que son xunto co YouTube os servizos de lecer audiovisual que máis empregan as novas novas xeracións.
A deputada do BNG lembrou que “os Gobernos vasco e catalán levan anos desenvolvendo a difusión e promoción da creación propia como da dobraxe ou subtitulado de producións punteiras, prestixiosas e actuais”. Como exemplo sinalou que entre 2014 e 2017 o Departamento de Cultura e Política Lingüística de Lakua (Goberno vasco) puxo a disposición das persoas usuarias e dos axentes culturais os subtítulos de 279 películas e 225 capítulos de 24 series de televisión. Asemade, recordou que en 2016 Movistar+ subtitulou en catalán 230 filmes e 20 series e que, o pasado ano, Netflix achegou por vez primeira oito películas dobradas ao catalán “sumándose a outros provedores que xa o facían como Canal+, Yomvi, Filmin ou AppleTV”.
O BNG propón achegar subtítulos galegos aos produtos das plataformas Netflix e Movistar+
Compartir Este Artigo

