O informe A Sociedade da Información e os autónomos de Galicia, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á AMTEGA, desprende que a porcentaxe de autónomos galegos con servizo de internet contratado elévase ao 57,1%, a cifra máis alta desde 2014. No último ano rexistrouse un incremento de preto do 18% no número de traballadores por conta propia que contrataron internet.
O estudo sinala que en Galicia existen 139.553 autónomos, que representan o 7,1% do total en España. Entre os autónomos con conexión a Internet, sete de cada dez opta pola banda larga móbil, medrando de xeito significativo no último ano, 11,2 puntos porcentuais, o que supera a porcentaxe media total das microempresas (69,2%) e formas societarias empresariais (66,9%).
O 59,6% dos autónomos galegos dispón dunha velocidade de conexión a Internet superior aos 10 Mbps. Cabe salientar o incremento de 4 puntos na contratación de velocidades de conexión a Internet superiores aos 30 Mbps, que xa empregan o 24,1% dos autónomos.
O informe tamén indica que preto da metade dos autónomos galegos (49,8%) utiliza o software libre para o seu labor empresaria, cun incremento de 6,2 puntos porcentuais no último ano.
Uso de redes sociais e servizos dixitais
Un de cada tres autónomos con conexión a Internet emprega as redes sociais, 10,3 puntos porcentuais que o ano anterior. O maior uso de redes sociais estase a traducir nun menor uso de páxinas web, que descenderon en 10 puntos no último ano.
O uso de Internet para relacionarse coas Administracións Públicas segue a aumentar entre as microempresas galegas, en xeral, e entre os autónomos, en particular, de xeito que dous de cada tres autónomos con conexión a Internet empregou a Rede para relacionarse coas Administracións Públicas, 6,3 puntos máis que o ano anterior.
Preto da metade dos autónomos con conexión a Internet utiliza a Rede para liquidar os seus impostos e preto dun 30% tamén realiza declaracións de contribucións. Estes indicadores medraron 8,4 puntos e 6,5 puntos, respectivamente no último ano.
Debilidades detectadas
O OSIMGA detecta a necesidade dun forte impulso na comercialización dos seus produtos a través de Internet así como unha reducida implantación da compra de servizos Cloud computing entre os autónomos galegos.
A informatización da xestión empresarial, como por exemplo, o uso da factura electrónica, tamén presenta unha implantación baixa entre os autónomos galegos. Non obstante, cabe destacar o aumento no uso da factura electrónica entre os autónomos, que experimentou un aumento de 5,8 puntos no envío de facturas electrónicas e de 3,2 puntos na recepción.

