O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fallou este 5 de xuño os premios da décima Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Trátase, en total, de nove distincións anuais dirixidas a salientar, visualizar e reivindicar o compromiso co desenvolvemento tecnolóxico da nosa terra, coa innovación, co coñecemento e co progreso en calquera das súas moitas manifestacións. As/os premiadas/os, que son personalidades, organizacións, empresas e entidades destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática, recibirán cadanseu recoñecemento no marco da gala que se celebra o 15 de xuño en Santiago, no Hotel Monumento San Francisco.
- Categoría e-Inclusión
- Categoría Iniciativa Emprendedora
- Premio Iniciativa Empresarial
- Miriam Pena, unha das maiores autoridades mundiais en Erlang
- Iniciativa da Administración
- Traxectoria Profesional
- Colexiado de Honra
- Premio 10º Aniversario da Noite
- Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática
- A cita do 15 de xuño
Categoría e-Inclusión
O colexio profesional premiou na categoría e-Inclusión ao proxecto Digitalizadas (www.digitalizadas.org/) polos “valores que fomenta ao desenvolver competencias tecnolóxicas que permiten a mulleres, especialmente da contorna rural, aumentar a súa influencia persoal e profesional en Internet”. Segundo lembra a entidade que preside Fernando Suárez, os obxectivos de Digitalizadas son reducir a fenda de xénero, promover a inserción social e laboral das mulleres, protexer os seus dereitos e seguridade no eido dixital, e xerar unha rede de dixitalizadoras, é dicir, unha comunidade de mulleres con maior interese no uso da tecnoloxía para fomentar o emprendemento e o autoemprego, que aportan experiencias e referentes empresariais locais femininos. O programa foi posto en marcha pola Fundación Cibervoluntarios, Fundación Mujeres e Google.org, coa colaboración do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.
Categoría Iniciativa Emprendedora
Na categoría de Iniciativa Emprendedora a distinción recaeu na aceleradora ViaGalicia, por dar soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas, aportando capital semente, formación, infraestruturas e asesoramento intensivo. ViaGalicia é un ecosistema para emprendedores, situado en Nigrán e promovido pola Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia. Segundo informa o xurado, “esta aceleradora cre nas persoas e nas ideas e axuda a facer realidade un proxecto baixo un modelo de negocio rendible e sustentable”. Ademais, engade, busca emprendedores con proxectos innovadores, relevantes e que sexan susceptibles de ser acelerados e de recibir investimentos. Até a data, ViaGalicia avaliou máis de 1.000 ideas de negocio, conta con 68 empresas aceleradas e 157 proxectos impulsados, cunha xeración de 338 postos de traballo.
Premio Iniciativa Empresarial
No premio Iniciativa Empresarial, o CPEIG recoñeceu o labor de ISMS Forum por “incentivar o fomento da seguridade dos datos a través da promoción do desenvolvemento, coñecemento e cultura da seguridade da información en España e actuar en beneficio de toda a comunidade implicada no sector”. A Asociación Española para el Fomento de la Seguridad de la Información (ISMS Forum Spain) é unha organización sen ánimo de lucro fundada en 2007 e creada cunha vocación plural e aberta, que se configura como un foro especializado de debate para empresas, organizacións públicas e privadas, investigadores e profesionais onde colaborar, compartir experiencias e coñecer os últimos avances e desenvolvementos en materia de salvagarda do coñecemento, da comunicación e dos sistemas. ISMS Forum Spain ten xa a máis de 160 empresas asociadas e máis de 900 profesionais asociados polo que, segundo lembra o CPEIG, é xa a maior rede activa de organizacións e expertos comprometidos coa seguridade da información en España.
Miriam Pena, unha das maiores autoridades mundiais en Erlang

O CPEIG quere, mediante a concesión do Ada Byron, visualizar a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes “dun sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á cabeza na saída da actual crise económica”. Segundo o colexio, as mulleres teñen que ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”. O premio Ada Byron recibe o nome da escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir alén dos simples cálculos numéricos.
Iniciativa da Administración
Na categoría de iniciativa da Administración, o colexio distinguiu ao Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), unha entidade de referencia para o desenvolvemento da protección tecnolóxica e da confianza dixital dos cidadáns, con especial interese nos menores, e tamén nas empresas, sobre todo en sectores estratéxicos. Esta sociedade estatal, dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital a través da Secretaría de Estado de Sociedade da Información e a Axenda Dixital, desenvolve ademais unha parte importante do seu traballo en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. O CPEIG distingue a misión de INCIBE, destinada a reforzar a ciberseguridade, a confianza e a protección da información e a privacidade nos servizos da Sociedade da Información, “aportando valor a cidadáns, empresas, administracións, rede académica e de investigación española, sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e sectores estratéxicos en xeral”.
Traxectoria Profesional

Para quen non o saiba, Indra é hoxe líder mundial no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas integrais en eidos como a defensa e a seguridade, o transporte e o tráfico, a enerxía e a industria, as telecomunicacións e os media, os servizos financeiros, os procesos electorais, as Administracións Públicas, a sanidade e a transformación dixital a través de Minsait. No exercicio 2017, Indra tivo uns ingresos de 3.011 millóns de euros, 40.000 empregados, presenza local en 46 países e operacións comerciais en máis de 140 países.
Colexiado de Honra

Premio 10º Aniversario da Noite
Nesta décima edición da súa gala anual, o CPEIG creou unha nova categoría, o premio 10º Aniversario de A Noite, distinción de agradecemento a empresas pola súa constancia no apoio ao longo destes dez anos da dita celebración tecnolóxica: Telefónica, Plexus, HP, Bahía e Xunta de Galicia.
Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática

A cita do 15 de xuño
O CPEIG celebrará o acto de entrega destes galardóns o vindeiro 15 de xuño na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, nunha cea de gala no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela a partir das 20:00 horas. Está previsto que preto de 400 convidados asistan ao evento, entre representantes do empresariado, das administracións, do ámbito universitario e profesionais. Segundo lembra o colexio, “A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiros en Informática ao abeiro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”.

