Este mes imos ter en Santiago a o oportunidade de meternos na pel das creadoras e creadores dos contidos da plataforma Movistar+, máis polo miúdo das súas (en boa parte dos casos) memorables series recentes. Estamos a falar do evento Conecta Fiction Fest, que se celebra os vindeiros 21 e 22 de xuño co obxectivo de amosar ao público galego o mundo das series “dende dentro”, con proxeccións, obradoiros e mesmo unha exposición. Conecta Fiction Fest celébrase ao abeiro do encontro internacional Conecta Fiction, adicado a facer debate e intercambiar experiencias arredor da co-produción de ficción televisiva.
Esta primeira edición do festival dedícase en exclusiva á produción de Movistar+, coa presenza de intérpretes como Aura Garrido, Javier Rey e Marta Hazas, os directores Mariano Barroso e Mar Coll e a produtora Teresa Fernández-Valdés. Ao igual que o evento que o acolle, Conecta Fiction Fest conta coa Xunta de Galicia como principal promotora, neste caso xunto á Fundación SGAE e en colaboración con Movistar+.
Haberá, como dixemos, proxeccións e maratóns de series, presentacións cos equipos e protagonistas das producións, dous obradoiros de creación e a mostra Velvet Colección. O Auditorio ABANCA e o Teatro Principal de Santaigo acollerán todas estas actividades, de entrada gratuíta previo rexistro a través da web conectafictionfest.com.
Os proxectos que se poderán ver son El día de mañana, de Mariano Barroso; Félix, dirixida por Cesc Gay; La Zona, de Jorge y Alberto Sánchez-Cabezudo; Matar al padre, de Mar Coll; Mira lo que has hecho, a serie de Berto Romero dirixida por Carlos Therón; Velvet Colección, dirigida por Gustavo Ron e Jorge Torregrosa; e Vergüenza, de Álvaro Fernández Armero e Juan Cavestany.
Até Compostela desprazaranse parte dos equipos dalgunhas destas series, como é o caso da actriz Aura Garrido e do realizador Mariano Barroso, que presentarán a preestrea dos episodios 1 e 2 de El día de mañana, unha das novas apostas de produción propia de Movistar+.
Como dixemos, o festival enmárcase na segunda edición de Conecta Fiction, que busca converter Santiago en punto de encontro da industria televisiva de Europa e América. Participarán catrocentos profesionais de 17 países, entre os que se atopan os representantes de 35 canles internacionais.
O evento dará comezo o luns 18, ás 19,30 h., cunha gala inaugural no Auditorio AbBANCA e estenderá o seu programa profesional ata o día 21 na Cidade da Cultura de Galicia.
As series de Movistar+, ao detalle en Santiago no Conecta Fiction Fest
Compartir Este Artigo

