O CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) vén de obter un importante recoñecemento ao seu sistema de eficiencia enerxética. Estamos a falar da certificación ISO50001:2011, que avala a eficacia dos traballos realizados polo centro en materia de compromiso pola calidade e eficiencia do servizo. Segundo informa o CESGA, esta certificación do sistema enerxético asegura o control e seguimento sistemático dos aspectos enerxéticos e, tamén, a mellora continua do desempeño enerxético, contribuíndo desta maneira a un emprego dos recursos máis eficiente e máis sustentable, “e reducindo o impacto ambiental”.
Cómpre lembrar que o centro galego de cálculo avanzado, emprazado no Campus Sur de Santiago, acubilla no seu interior infraestruturas de supercomputación que requiren altas demandas enerxéticas e mostran elevados consumos, polo que os esforzos por minimizar estes requirimentos, amais de complexos, eran necesarios para seguir avanzando en sustentabilidade. O CESGA leva traballando dez anos neste ámbito da eficiencia enerxética, mediante a implantación dun plan de mellora no consumo de recursos con máis de 30 medidas levadas a cabo durante este período que permitiron reducir o consumo en máis dun 63% entre os anos 2009 e 2017. Para conseguir este obxectivo o CESGA coa axuda do centro tecnolóxico Energylab, que o acompañou durante as fases iniciais do proxecto ata a obtención da certificación.
O CESGA obtén un recoñecemento ao seu compromiso coa eficiencia enerxética
Compartir Este Artigo

