O Concello de Ferrol sumouse esta tempada aos municipios con sede electrónica avanzada. Fíxoo ombro con ombro coa empresa tecnolóxica Imatia, que puxo en xogo a súa experiencia no proceso de dixitalización das administracións e maila súa plataforma Cividas e-Gov, que xa foi habilitada con éxito en concellos como Vilagarcía ou Pontevedra, entre outros.
Dende a Sede Electrónica de seu, Ferrol ofrece diferentes servizos aos cidadáns, como por exemplo a posibilidade de solicitar en liña algúns dos procedementos máis habituais. A plataforma foi desenvolvida por Imatia en colaboración co equipo de Goberno local e os seus empregados públicos.
Segundo informa Imatia, polo de agora están dispoñibles algúns procedementos relacionados con urbanismo e o pago de tributos, o cal permitirá ás persoas interesadas nestes servizos poder enviar as súas solicitudes a través de Internet, evitando desprazamentos e esperas.
Outras vantaxes que ofrece a nova Sede Electrónica aos cidadáns de Ferrol son: consultar o estado dos seus expedientes abertos e do histórico dos mesmos, xerar volantes de empadroamento, pagar en liña os seus recibos municipais ou consultar e descargar documentos oficiais asinados de maneira dixital, a partir do seu Código Seguro de Verificación (CSV). Imatia engade que estas vantaxes non só afectan as persoas, senón que as empresas tamén se verán beneficiadas grazas ao sistema de facturación electrónica (FACe).
O Concello de Ferrol xa tramita dixitalmente as solicitudes dos seus cidadáns
Compartir Este Artigo
