
A adquisición, na que participaron outros accionistas xa presentes na compañía, baseouse “na continuidade do negocio e o mantemento do emprego” a través da renovación do contrato de servizos de innovación coas compañías que integran o Grupo Euskaltel (no que está incluído R).
Cinfo, que como dixemos operará coa marca Tiivii, negociou ademais un plan de investimentos propio para o lanzamento comercial do seu novo catálogo de produtos, baseados no concepto de TV Automática.
Entre os puntos fortes da nova andaina de Cinfo figuran, como dixemos, os sistemas de intelixencia artificial de Tiivii. Estes acubillan unha manchea de características, salientables, como a funcionalidade de achegar (logo de seren instalados en calquera recinto cultural ou deportivo) seguimento integral e automático dun acontecemento deportivo ou cultural, introducindo grafismos, estatísticas e locucións e enviando a saída a calquera destino de vídeo. Ademais, soportan emisións multicámara, realidade virtual e realización remota para produtoras deportivas ou de espectáculos.
Cinfo, que conta con preto de medio cento de empregados, traballa arestora con grandes clientes industriais en proxectos de analítica de vídeo, fornecemento de metadatos e integración de imaxes con alertas do mundo real capturadas con sensores. E faino en iniciativas como o Civil UAV das Rozas, impulsado pola Xunta, onde as súas tecnoloxías avanzadas de vídeo son carrexadas por aeronaves para posibilitar o subministro de información ao centro de control dende media ducia de cámaras por aparello voador, “permitindo manexar de forma interactiva as imaxes integradas con todos os sensores presentes na aeronave”.
Cinfo ten a súa sede no centro tecnolóxico para empresas na Universidade da Coruña, coa que desenvolveu varias patentes, e mantén relacións e proxectos cos outros centros tecnolóxicos relevantes de Galicia.
Cinfo métenos na vangarda da intelixencia artificial aplicada á TV
Compartir Este Artigo
