A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de convocar a nova edición, a número once, do seu recoñecemento específico para iniciativas baseadas en tecnoloxías libres feitas polas nosas e os nosos estudantes. Estamos a falar do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, que ten aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o 2 de outubro e está dotado con 2.250 euros. En palabras de AMTEGA, ten “o obxectivo de achegar aos universitarios galegos ao software libre e ás posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración ao abeiro deste tipo de ferramentas”.
Como dixemos, o premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro galardón de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa AMTEGA para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.
Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu proxecto de fin de carreira, traballo de fin de grao ou traballo de fin de mestrado cunha nota mínima de 5, nalgunha das convocatorias do ano académico 2017-2018.
Os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de hardware libre.
Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal Mancomún. www.mancomun.gal/premiopfc. Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA como da Oficina de Software Libre do CIXUG.
Nova edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre
Compartir Este Artigo

