Hai un xeito de coñecer a nosa terra que non ten nada que ver cos camiños máis transitados, tanto no contido (esa manchea de tesouros patrimoniais e culturais que acubillamos) coma na forma (a innovación aplicada ao xeito de mirar e escoitar). De todo isto trata a web monumenta.galicia.com, o sitio web do ciclo Monumenta, andar con arte, unha xanela á Galicia inédita que colle novos folgos estes días con achegamentos a Os Pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán e ao patrimonio industrial dos Peares, en Ourense. Estas e outras iniciativas de Monumenta estanse a difundir nas redes, da man da Consellería de Cultura de Educación, cun vídeo ilustrativo.
A primeira cita, o encontro literario cos escenarios que serviron de alicerce á obra Os Pazos de Ulloa da escritora Emilia Pardo Bazán, celébrase este sábado 25, no concello lucense de Palas de Rei. A actividade consistirá nunha andaina que percorrerá parte das terras da familia homónima e o castelo de Pambre. A actividade contará coa presenza do arqueólogo Santiago Vázquez Collazo e representantes do Instituto de Estudios Ulloáns (IEU), para acompañar e ilustrar aos camiñantes. A ruta percorre o antigo Camiño Xacobeo secundario, con tramos que transcorren pola ribeira do Pambre ata chegar ao castelo.
Polo que respecta ao achegamento aos Peares e o seu patrimonio industrial, desenvolverase o domingo 26. Trátase, en palabras da organización, “dunha aproximación diferente” á riqueza menos coñecido da zona,ao industrial, mostra “dun pasado emprendedor”. Xoán Carmona Badía, catedrático de institucións económicas da USC e investigador da historia marítima e empresarial é o experto en patrimonio industrial que descubrirá para os camiñantes un pasado económico marcado polo ferrocarril, a vitivinicultura e as eléctricas.
Para dar visibilidade a estas andainas e as que estean por vir, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (impulsora de Monumenta) vén de lanzar un vídeo para difundir o programa, unha proposta turístico-cultural que xa ten media ducia de anos ás súas costas e que non deixa de sumar adeptos ao seu particular (e alternativo) xeito de mostrar a nosa riqueza literaria, paisaxística musical, artística, histórica, etnográfica e medio ambiental. A creación audiovisual pódese ver na páxina de Cultura (https://www.cultura.gal/gl/videos) e máis na canle de YouTube da Consellería, https://youtu.be/JuHqK_kKeBw.
Xeitos de participar a través da web
Para participar nestes percorridos dispostos ao abeiro de Monumenta, debermos formalizar a nosa inscrición a través da web monumenta.galicia.com. Esta páxina web funciona como centro de operacións e de información do ciclo, dende o que se quere ofrecer un novo xeito de camiñar: camiñar como fonte de coñecemento, de cultura e de experiencia turística, abranguendo espazos de gran importancia medioambiental e histórica e sen deixar de lado as posibles rutas experimentais.
A páxina en cuestión, amais de por achega o programa completo de actividades, salienta por introducirnos nos principais obxectivos do mesmo, pola súa vertente educativa (programa pedagóxico) e polos recursos audiovisuais e xornalísticos que complementan a nosa experiencia. Tamén se ofrece unha xanela aos camiños percorridos nas edicións anteriores.
