A Deputación de Lugo vai apoiar a innovación empresarial e a capacitación profesional no rural de Lugo. O obxectivo: fixar poboación e favorecer o desenvolvemento. A iniciativa foi dada a coñecer hoxe polo voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, quen salientou que está dotada de 2,2 millóns de euros e que se trata dunha aposta decidida polas contornas non urbanas. Segundo fixo saber, o plan DesenvolvendORural vén con catro liñas de actuación. Ao abeiro dunha das liñas habilítanse importantes galardóns para as iniciativas de emprendemento innovador.
Santos Ramos destacou tamén que DesenvolvendORural é “un programa integral de promoción económica e social da provincia, co que o Goberno da Deputación busca xerar emprego de calidade, aumentar os servizos públicos aos veciños e captar talento, co fin de buscar novas oportunidades no rural e fixar poboación”. Neste senso, explicou que “facémolo porque Lugo é unha provincia eminentemente rural e na que temos que buscar novos camiños de futuro que nos permitan garantir vivir no rural e do rural, aumentando os servizos que ofrecemos aos nosos veciños e igualando, polo tanto, as condicións de vida entre as zonas urbanas e rurais”.
A primeira liña de actuación é o impulso do terceiro sector. A través desta liña o Goberno da Deputación busca “promover e aumentar a prestación de servizos especialmente no rural” e evitar o éxodo cara as cidades. Con este fin, estableceranse colaboracións co tecido asociativo lucense, o chamado terceiro sector, para darlle un pulo á prestación dos servizos públicos que se ofrecen aos veciños.
A segunda liña ten que ver co fomento do emprego entre a mocidade, fortalecendo e visualizando o seu talento. A idea é favorecer que a xente nova teña o seu primeiro contacto laboral na provincia, facendo prácticas na Deputación de Lugo. Segundo fixo saber Santos Ramos, o devandito permitirá aumentar e modernizar o catalogo de servizos que dende a Administración provincial se ofrece aos veciños, especialmente no rural, e impulsar as súas carreiras profesionais en Lugo, “fixando tamén poboación”.
A terceira liña é o fomento do emprendemento, en palabras de Santos Ramos “unha das vías máis importantes para o medre económico de Lugo”. A través desta liña porase en xogo un certame de premios para as mellores ideas emprendedoras desenvolvidas no rural. Estes galardóns incluirán unha contía de ata 20.000 euros. “Deste xeito”, explicou o deputado, “foméntase a fixación da poboación coa creación de empresas no rural lucense”.
Para rematar, o plan fará fincapé na capacitación profesional das veciñas e veciños, co fin de capacitalos profesionalmente en sectores relacionados coa prestación de servizos así como co sector primario, e reconvertes os seus perfís laborais. “A idea”, explicou, “é recalar perfiles laborais tradicionais castigados pola crise a outros en sectores estratéxicos da nosa provincia, cos que ofrecer máis servizos aos veciños e impulsar as actividades agrogandeiras e forestais”.
A Deputación de Lugo premiará a innovación empresarial no rural
Compartir Este Artigo
