
O deputado tamén recordou que esta actuación forma parte do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo (2017-2020) e que a súa orixe está nunha reclamación concreta feita polo propio sector, ao abeiro das mesas de traballo que se realizaron en torno a este Plan.
O obxectivo deste Consello Provincial é, como dixemos, impulsar o crecemento e a transformación do sector nos concellos de Lugo, facéndoo a través de modelos de consenso e promoción conxunta da marca do destino, tanto en medios e canles tradicionais como, sobre todo, nas contornas dixitais, que é onde cómpre facer o máximo fincapé para atraer turismo e mantelo no tempo.
Prazo ata o 14 de setembro
Trala súa publicación no BOP, o Executivo provincial xa puxo pon en marcha o proceso para poñer o Consello en funcionamento, demandando a todos os organismos implicados que nomeen o seus representantes. Todas as organizacións e asociacións implicadas neste proxecto teñen de prazo ata o 14 de setembro para comunicar á Deputación, mediante un escrito no Rexistro, o nome e os datos da persoa que formará parte deste novo organismo de participación.
Están convocadas un total de 26 institucións, relacionadas co turismo na nosa provincia, entre as que se inclúe, a Universidade de Santiago, a Federación Galega de Comercio, o Clúster de Turismo de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría, a Federación Galega de Turismo Rural, a Asociación Galega de Axencias de Viaxe, un representante de Auxilia, así como representantes de grupos políticos, entre outras.
O Plan Estratéxico participativo e aberto no que se insire a creación do consello artéllase en 4 eixes, 6 liñas estratéxicas, 14 plans de actuación e 71 accións a impulsar. Entre as actividades concretas que acubilla inclúese a creación do Consello de Turismo, un plan de sinalización ligado ás novas tecnoloxías da información (mellorando a accesibilidade aos recursos turísticos da provincia), o impulso á organización de eventos relacionados coa gastronomía e o fomento dunha rede de eventos culturais da provincia de Lugo, entre outras.
Máis de dúas ducias de entidades impulsarán a transformación do sector turístico de Lugo
Compartir Este Artigo
