Vodafone non deixa de achegar novidades de catálogo, exclusivas para os seus clientes, nin sequera no mes de agosto. A listaxe de innovadores produtos á medida dos usuarios vén de ampliarse un chisco máis coa incorporación da nova edición LGxBTS do smartphone LG K11, que inclúe contidos do grupo de k-pop coreano BTS unicamente a disposición dos membros da comunidade da operadora. A nova edición estará dispoñible dende este 30 de agosto.
Segundo informa a compañía, LG K11 está especialmente dirixido á mocidade, que é a principal destinataria do devandito estilo musical, de gran pegada nas redes sociais (onde conta con millóns de seareiros de todo o mundo). O lanzamento equipará aos clientes de Vodafone cunha caixa personalizada LGxBTS co dispositivo intelixente LG K11, funda para LG K11 e dicionario k–pop (coreano-español e coas frases típicas das cancións máis representativas desta corrente musical). Ademais, os usuarios disporán, a través de LG SmartWorld, de ata sete temas personalizados, correspondentes a cada un dos membros de BTS, que recibirán novas versións ao longo do ano. Tamén se pode acceder a fondos de pantalla personalizados, tons BTS, etc.
Respecto das características máis técnicas do smartphone, LG K11 conta cunha cámara “de alta calidade” con modo retrato e con funcións especiais de intelixencia artificial, modo Noite Plus (para fotografar en condicións de pouca iluminación), un sistema de son envolvente DTS:X 3D para “gozar da mellor experiencia multimedia”, máxima resistencia (grazas á súa certificación militar de resistencia MIL-STD 810 G) e sensor de pegada avanzado, para, en palabras da operadora, “un acceso máis rápido e cómodo”.
En termos máis concretos, LG K11 incorpora unha cámara principal de 13MP e unha cámara frontal de 8MP con efecto desenfoque para facer auto-fotos, co devandito efecto, de ata 3 persoas á vez. Inclúe tamén, entre outras cousas, a tecnoloxía Phase Detection Auto Focus (PDAF), que é un 23% máis rápido có autofoco tradicional. Ademais, o Smart Rear Key conta con funcionalidades avanzadas para desbloquear o móbil coa pegada dactilar e tamén activar a función Quick Shutter para facer fotos máis rápido e facer capturas de pantalla en menos tempo.
Ademais, como dixemos, tamén ofrece a máxima resistencia, sendo o único da súa categoría que conta con certificación militar de resistencia MIL-STD 810G, tras superar 8 probas militares dos Estados Unidos (caídas, baixas temperaturas, humidade, vibracións, altas temperaturas, etc.).
Vodafone achega aos seus clientes a edición exclusiva BTS de LG K11
Compartir Este Artigo
