A Deputación de Lugo presentou hoxe a súa nova web, accesible en www.deputacionlugo.gal, unha ferramenta concibida para acadar unha máis completa (e de máis longo alcance) comunicación e interactividade entre a Deputación e a cidadanía, e viceversa. A nova páxina, que tamén é unha clara aposta pola imaxe (o factor visual como elemento que sintetiza a información, resúmea e ponlle orde perante o usuario), foi presentada no pazo provincial polo deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón, quen salientou, entre outras cousas, o carácter dinámico, moderno, accesible e sinxelo da novo sitio.
Segundo engadiu, fíxose un esforzo importante por lograr unha páxina “doada de usar e práctica, amais de útil”, pois “o usuario pode facer procuras directamente pensando nos temas que lle interesan, sen necesidade de saber a que Área de Goberno ten que dirixirse”. Polo tanto, dixo, “está pensada por e para mellorar a experiencia de uso dos cidadáns”.
Rivera Capón engadiu que “tamén facilitamos o contacto cos diferentes departamentos, a través dun formulario e un directorio telefónico, para poder resolver calquera tipo de dúbida aos usuarios; e facilitamos a xestión de trámites online coa Deputación, habilitando un acceso directo tanto á sede electrónica, como ao Rexistro Electrónico”.
O deputado tamén subliñou o carácter compatible da páxina con respecto aos diferentes trebellos de acceso a Internet: “Trátase dunha web responsive, é dicir, adaptada aos dispositivos móbiles, e absolutamente todo o contido está a disposición dos internautas nas dúas linguas oficiais: galego e castelán”. Tamén puxo o foco no feito que toda a páxina estea indexada, así como os Boletíns Oficiais, “o que permitirá realizar procuras máis áxiles por contidos”.
O deputado de Innovación avanzou que amais de todo o devandito, desde a web institucional accederase a nova web de cultura (http://cultura.deputacionlugo.gal) e á web de turismo (http://turismo.deputacionlugo.gal). A primeira conta con varias visitas virtuais a espazos de interese como os museos provincias; mentres que a de turismo permite descubrir múltiples recunchos da provincia, facilitando a súa localización, a través de mapas interactivos conectados con Google Maps, explicou.
Novas seccións da web
A nova páxina da Deputación inclúe as seguintes seccións:
· Un encabezado no que a novidade máis destacada é a nova imaxe corporativa, cun logotipo oficial máis moderno e visualmente atractivo, xunto ao que aparece o menú principal.
· Unha sección na que se pon o foco nas ligazóns sobre aquelas cuestións ou apartados que son visitados ou consultados con máis frecuencia.
· Unha parte adicada ás novas da Deputación na que a imaxe ten meirande protagonismo que antes.
· Unha sección de banners coas ligazóns de interese, máis actuais, que se van anovando.
· Unha parte de axenda, na que figuran todos os eventos relacionados coa Deputación (actos de axenda institucional, exposicións, concertos, etc.) que contan con cores distintivas que os asocian aos diferentes temas (cultura, turismo, benestar social, etc).
· Finalmente tamén se poden ver as últimas publicacións das redes sociais da Deputación, sen prexuízo de que no menú principal figuren as ligazóns ás mesmas.
Web de turismo
A web de turismo (http://turismo.deputacionlugo.gal) conta cos seguintes apartados: Turismo (que segundo fixo saber a Deputación mantén a estrutura xeral da web, “pero con contido de seu”), Coñece (que aglutina toda a información turística da provincia) e Desfruta (onde se ofrecen plans para gozar da provincia: turismo de natureza, gastronómico, de aventura, en familia, etc).
Web de cultura
A través da web de cultura (http://cultura.deputacionlugo.gal) o usuario poderá ter información completa tanto do Centro de Artesanía e Deseño como da Rede Museística. E mesmo poderá facer visitas virtuais en 360º e coñecer, por exemplo, o interior do Pazo de Tor ou de calquera dos obradoiros do CentrAD. Amais, segundo fixo saber Rivera Capón, a nova web ten (entre outros) as seguintes características: é máis visual e intuitiva (púxose o foco no aspecto gráfico, procurando “unha web máis moderna e visual”), máis orientada ao usuario (traballouse na utilidade e na usabilidade, artellando a información por áreas e por temas de interese, “o que facilita a interacción e a consulta da información”), máis dinámica e áxil (salientando os elementos “máis habituais e relevantes” como ligazóns destacadas, e redeseñando os accesos directos en forma de banners), mellor adaptada a diferentes dispositivos e formatos (poñendo en xogo deseño responsive), máis interactiva (fomentando a participación e a interacción e poñendo en xogo elementos concretos como un módulo de consulta e outro de enquisas, ao que cómpre engadir a creación de mapas interactivos xeorreferenciados e galerías multimedia). Por outra banda, potenciouse a vinculación e a interacción coas redes sociais, “sendo unha parte destacada da web”. Tamén se fixo fincapé na robustez e na rapidez da páxina, incrementando a súa tolerancia aos fallos.
A Deputación de Lugo achégase á cidadanía coa súa nova web
Compartir Este Artigo
