Seguimos a falar de literatura nosa que se converte en materia primeira para innovadoras propostas de lecer dixital. Desta volta (logo do proxecto recente de Arnoia, Arnoia de Méndez Ferrín) tócalle a Apocalipse Z, a exitosa saga zombi do escritor Manel Loureiro (composta por tres entregas ambientadas na nosa terra e editadas en galego polo selo Urco), que se transformou en fonte de inspiración para a creación de videoxogos da man de trinta alumnas e alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Campus de Pontevedra) e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Campus de Vigo).
A iniciativa foi impulsada polo grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), co propósito de achegar a alumnado de diferentes perfís aos procesos de traballo da industria do videoxogo. O propio escritor, Manel Loureiro, tivo oportunidade de coñecer a proposta e mailas súas liñas de traballo principal, un proxecto ao que se entregarán durante os vindeiros meses catro equipos de estudantes.
Segundo puidemos saber, o proxecto dá continuidade á iniciativa que o pasado curso someteu a un proceso semellante de transformación a A viaxe do elefante, do escritor portugués Jose Saramago, no que participaron a cátedra universitaria que leva o nome do senlleiro novelista e máis estudantes dos dous devanditos centros galegos. Agora, a adaptación da obra de Manel Loureiro volve poñer mans á obra ao mesmo equipo de docentes: Beatriz Legerén, Mónica Valderrama e Luis Fernández, de CCSS e da Comunicación; e Antonio Pena e Enrique Costa, da EE de Telecomunicación. O seu obxectivo é “achegar a Universidade á industria, intentando replicar cos vimbios que temos como se traballa nunha empresa”. De aí cada un dos equipos estea integrado por estudantes das cinco materias que participan nun proxecto formativo que se desenvolve en sesións semanais conxuntas nos campus de Vigo e Pontevedra.
Ademais de coñecer as propostas de videoxogo do alumnado o autor de Apocalipse Z compartiu con este grupo un coloquio sobre “como se constrúen as historias”, no que puxo de relevo o potencial dos videoxogos, como “unha nova fronteira da narrativa, unha nova forma de contar historias, que ten as súas propias regras” e que constitúe un “desafío para todos os creadores”.
Segundo se fixo saber, unha das máximas do proxecto é a de permitir que os integrantes do grupo se impliquen ao máximo nos traballos, podendo intervir en todos os labores a desenvolver, aínda que poñendo o foco nos coñecementos de cada quen. Así, o alumnado da materia Videoxogos, comunicación e desenvolvemento, do grao en Comunicación Audiovisual, centrarase “no deseño da historia e do concepto e na xestión do proxecto”, mentres que os estudantes de Tecnoloxía multimedia e computer graphics, do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, traballarán na programación e estrutura do videoxogo xunto cos e as estudantes de Produción audiovisual desta mesma titulación, materia impartida por Luis Fernández que se suma neste curso a esta iniciativa.
Tamén deste grao, o alumnado de Programación de sistemas intelixentes asumirá a parte relativa á intelixencia artificial. A cada equipo súmase tamén unha alumna da materia Comunicación alternativa: medios virtuais e novos soportes publicitarios, do grao en Publicidade e RRPP.
A saga zombi Apocalipse Z convértese en inspiración de videoxogos
Compartir Este Artigo
