Comeza a conta atrás para a celebración da nova edición, a terceira, da Finde.U, a Feira Internacional de Emprego Universitario que organizan a Universidade de Vigo e máis a de Porto (xunto coa de Tras-os- Montes e Alto Douro e Católica Portuguesa. Segundo informa a UVigo, máis de 2.000 participantes e unhas 70 empresas prevese que participarán na nova entrega do encontro universitario-empresarial, que se celebrará no IFEVI os días 23 e 24 de outubro, en unha semana antes (os días 16 e 17) na dita cidade portuguesa. Novamente, unha parte moi relevante das empresas que farán acto de presenza na feira son firmas do ámbito das novas tecnoloxías en calquera das súas moitas manifestacións. Ademais, haberá unha sección adicada en exclusiva ao dixital, o Job Day TIC.
Segundo engade a universidade galega, a Finde.U ofrecerá a estudantes e persoas tituladas “a oportunidade contactar con responsables de recursos humanos de empresas de diferentes sectores e que se atopan na procura de persoal cualificado, ao tempo que as firmas comerciais da Eurorrexión terán a oportunidade de coñecer de primeira man as capacidades do alumando formado na institución académica viguesa”.
Pescanova, FINSA, ABANCA, Televés, Borgwarner, BBVA, Carrefour, Hewlett Packard, ENCE ou Garrigues, son algunhas das empresas que xa confirmaron a súa presenza no evento, que como todos os anos completará o seu programa con actividades paralelas de formación e información.
Dúas son as novidades que este ano introduce a Finde.U. Dunha banda, o día 24 e como continuación da xornada que o 9 de outubro se celebrarán no Campus de Vigo, o IFEVI acollerá a derradeira sesión do programa O talento feminino SUMA. Nesta sesión as estudantes e tituladas que participaron na primeira sesión da xornada, presentarán a través dun formato elevator pich, o seu talento perante os responsables de recursos humanos que participan na feira.
Así mesmo, nesta terceira edición a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal incorpora á feira o seu Job Day TIC, achegando a participación de 13 empresas do sector das Tecnoloxías da Información e da comunicación de ámbalas beiras do río Miño, así como os clústeres TIC dos dous lados da raia.
