Vinetur, a revista dixital de comunicación sobre viños impulsada dende Vilagarcía, vén de ser nomeada polo xurado do certame International Wine Challenge Merchant Awards Spain 2018 na categoría de mellor plataforma en liña. O concurso, coñecido como os Óscar do Viño, conta con máis de tres décadas de historia e gran prestixio no Reino Unido. Este ano chegou a súa terceira edición no ámbito español.
O xurado reuniuse o pasado 4 de setembro en Madrid durante unha completa xornada para seleccionar, entre os máis de 250 participantes, os finalistas de cada unha das 16 categorías e dos dous premios especiais.
Os International Wine Challenge pretenden recoñecer e premiar o traballo de todos aqueles profesionais que contribúen cada día a achegar ao gran público o viño nas súas múltiples facetas.
A entrega de premios celebrarase o vindeiro 8 de outubro nunha cea de gala que se celebrará no Hotel Palace de Madrid.
Vinetur, como lembraremos, é un medio dixital sobre viticultura posto en marcha dende Vilagarcía e que conta a día de hoxe con 5,25 millóns de usuarios anuais (cunha media de 14.575 usuarios diarios). Segundo informan os seus responsables, trátase do medio de comunicación online en español máis lido do mundo. A plataforma foi fundada en verán do 2007 e conta con máis de 125.000 seareiros nas redes sociais. As oficinas están en Vilagarcía.
A web galega Vinetur, candidata á mellor plataforma online sobre viños
Compartir Este Artigo
