O vindeiro 15 de novembro ás 18:00 horas a Sala Capitol de Santiago de Compostela volverá a servir de escenario para o evento LGx15, que chegará á súa cuarta edición con 8 relatorios breves que transmitirán de xeito visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro da lingua galega.
As persoas convidadas nesta ocasión para expor os seus argumentos durante un máximo de 15 minutos serán: Javier Balea (creador de Moléculas en galego, quen falará sobre divulgación científica e lingua), Eira Losada (estudante e youtubeira, que contará como ser un motor para a lingua), Mercé Barrientos (deportista e docente, que vai explicar a importancia da autoestima no deporte e no uso da lingua), Inma Gil Rosendo (xornalista na BBC, que falará sobre a concienciación lingüística desde fóra de Galicia), Manolo Maseda (músico e docente, que amosará A chave das noces para dar un xiro á situación da lingua na mocidade), Xema Varela (empresaria e deseñadora, que nos falará do efecto curuxa no mundo empresarial), Ruth Caramés (bióloga, deseñadora e nai, quen nos descubrirá un mundo de recursos para a crianza en galego), e Aquel -e (millennial e youtubeiro, que nos falará da cultura pop como forma de conexión coas xeracións máis novas).
Ás intervencións citadas sumaráselle a actuación de Brais Morán, mentres que as regueifeiras Alba María e Lupe Blanco conducirán o acto para o que xa está aberta a venda de billetes a un prezo de 6 euros en compra anticipada, aínda que o evento presencial é simplemente un xeito de organizar e financiar as gravacións dos distintos relatorios, sendo o seu auténtico obxectivo a súa difusión a través de YouTube, para conseguir así unha ampla distribución das mensaxes coas que a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) organizadora desta iniciativa, busca chamar á reflexión sobre o futuro da nosa lingua.
LGx15 volverá a aproveitar a Rede para instar á reflexión sobre a lingua
Compartir Este Artigo

