O vindeiro mes de novembro, os días 21 e 22, vaise celebrar en Barcelona un relevante encontro de profesionais da innovación: o quinto Congreso Nacional de Directivos da Asociación para o Progreso da Dirección (APD), baixo un significativo lema A empresa é humana. Segundo informa a organización do evento, este servirá entre outras cousas para bater récords en materia de presencia de responsables empresariais.
De feito, a APD lembra que a súa comunidade está integrada por 50.000 directivas e directivos, estando previsto que concorran na xuntanza unhas 2.500 persoas. Respecto da nosa terra, calcúlase que participen no congreso os representantes de case 280 empresas galegas. A cita, tematicamente, xirará arredor das consecuencias das novas tecnoloxías para os equipos profesionais humanos, afondando na simbiose home-máquina.
Respecto do programa en si mesmo, contarase cunha trintena de relatoras clave con quen compartir as principais tendencias tecnolóxicas e as súas implicacións para a humanidade no curto prazo. A cita, que se desenvolve no CCIB (o Centre de Convencions Internacional de Barcelona), pretende situar o foco da reflexión no que serían “as consecuencias reais do proceso de innovación tecnolóxica a velocidade superior cá propia adaptación do home a esa mesma tecnoloxía”, en palabras da organización.
Entre os relatores do programa atópanse persoeiros de especial relevancia no panorama tecnolóxico e innovador, como o filósofo Daniel Innerarity, Rosa García, presidenta e directora executiva de Siemens, Jose Ignacio Goirigolzarri, presidente de Bankia, Carlos Barrabés, fundador e presidente do Grupo Barrabés ou Francisco Román, presidente de Vodafone, entre outras personalidades do tecido produtivo estatal e internacional.
En palabras de Rafael Miranda, presidente de APD, “o congreso quere xerar un debate profundo e consistente sobre o tema das tecnoloxías creadas polo ser humano e a necesidade que ten de saber xestionalas”. Tamén, engade, búscase intercambiar prácticas directivas e empresariais enriquecedoras para resolver esa xestión necesaria. “A simbiose entre tecnoloxía e humanidade é hoxe a clave de quen teñen responsabilidades en compañías. Xa non estamos a falar de futuro, senón de feitos e as súas consecuencias”, informa.
Entre as empresas colaboradoras do congreso atópanse Adecco, Bankia, Endesa, HP e Intel; así como ATKearney, Axis Corporate, Caser, CESCE, Deloitte, EAE Business School, EY, EKON, KPMG, Microsoft, Mediapost, Sage, Siemens, Sodexo ou Vodafone.
Preto de 280 empresas galegas participarán no novo congreso estatal de APD
Compartir Este Artigo
