Galicia Open Future segue adiante, achegando novas palestras ao nosos talento, coa nova fórmula de convidar ás nosas novas empresas innovadoras a resolver retos concretos da industria galega máis consolidada. Se recentemente falamos dos desafíos achegados por FINSA e o Novo Grupo Pescanova (resoltos finalmente por Conexiona e Deicom, respectivamente), agora é a quenda de Coren, que lanzou o terceiro desafío para a cuarta edición (Edición Retos 4.0) da plataforma de crowdworking que Telefónica impulsa na Cidade da Cultura.
A proposta de innovación é novamente un convite para emprendedores, startups, PEME e organismos de investigación. A solución que busca a compañía galega do sector agroalimentario (Como poden as novas tecnoloxías axudar a optimizar o proceso de cebo do porco?) enmárcase na dixitalización e optimización dos seus procesos na área porcina.
En concreto, Coren pretende desenvolver a captura de datos e identificación do porco, así como facer máis eficiente o seu proceso de pesado.
O obxectivo pormenorizado desta convocatoria é buscar solucións innovadoras que melloren a identificación e pesado dos animais, mediante un método que permita rexistrar datos de interese sobre cada un deles de maneira áxil e unívoca. A consecución destes obxectivos permitirá a Coren “obter información de valor para os seus procesos de traballo, logrando mellorar accións como a marcaxe dos animais e a estimación sobre cando alcanzará o peso óptimo”.
O prazo de presentación das candidaturas arrincou o 24 de outubro de 2018 ás 9:00 horas e finaliza o 21 de novembro ás 18 horas. Tras recibir as propostas seleccionarase a un gañador, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa empresa, e ata tres finalistas. A firma vencedora terá unha axuda da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto.
Ademais, tanto o gañador como o tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Á parte das achegas económicas directas, a empresa gañadora poderá acceder a un préstamo participativo, ata un máximo de 100.000 euros concedido por XesGalicia. No caso dos finalistas poderán acceder a un préstamo participativo de ata 50.000 euros, tamén concedido por XesGalicia.
Coren lanza o cuarto desafío de Galicia Open Future 4.0
Compartir Este Artigo
