O Concello de Pontevedra está a sumar esforzos para poñer os cemiterios locais no miolo das tecnoloxías de vangarda e da Administración Electrónica. Os traballos despregados e por despregar foron debullados os días pasados polo Goberno local, aproveitando a coincidencia coas xornadas de máis presenza veciñal nos camposantos, ao coincidir coa festividade de Todos os Santos. Segundo fixo saber a concelleira Carme Fouces, do que se trata basicamente é de mellorar ao máximo a xestión administrativa, a atención ao público e a dispoñibilidade da información.
Os traballos implican a posta ao día do camposanto de San Amaro e dos restantes do concello. Para todos eles, estase a levar a cabo un exhaustivo labor de informatización (que comezou coa introdución e acceso aos datos básicos dos cemiterios, dende a definición das propiedades ata as variacións rexistradas, abranguendo un período de tempo que comeza en 1912 e asentándose a posibilidade real de introducir información sobre persoeiros destacados soterrados e sobre tumbas e panteóns senlleiros), mellorouse o equipamento técnico e mecánico e mailas condicións de traballo dos operarios e, tamén, púxose en valor o patrimonio cultural e arquitectónico que acubillan estes espazos públicos. Entre as melloras concretas introducidas figura, amais do devandito, a habilitación de pantallas-computador con datos sobre o cemiterio (planos, localización de nichos e panteóns,…) a disposición da xente que se achegue.
A concelleira informou de que se ben nesta primeira fase é o recinto de San Amaro o cemiterio que está a concentrar meirandes esforzos de renovación, xa están feitas as planimetrías dos outros camposantos de titularidade municipal: Campañó, Lourizán, Bora e Ponte Sampaio.
Un camposanto de gran valor cultural e histórico
A posta en valor do patrimonio cultural, artístico e arquitectónico do cemiterio de San Amaro é tamén de interese para o Concello, segundo engadiu a edil. Persoeiros do mundo da cultura, da política, artistas, figuras relevantes na historia da cidade e do país están enterrados en San Amaro, entre outras, as irmáns Mendoza, Alejandro Rodríguez- Sesmero, Manuel Quiroga, Alexandre Bóveda, Josefina Arruti ou María Victoria Moreno. Amais disto, existe unha gran cantidade de panteóns, estatuas e elementos ornamentais de gran valor artístico e histórico. Carme Fouces explicou que amais dos traballos despregados agora polo Concello, roteiros protagonizados por alumnos e alumnas de institutos; visitas guiadas como as da Deputación de Pontevedra ou incluídas en programas de ocio como Noites Abertas “falan do crecente interese por un cemiterio que abriu as portas o 1 de outubro de 1882 e que agocha nos seus muros historia, arte, lendas”.
Pontevedra dixitaliza os seus cemiterios
Compartir Este Artigo
