O Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) vai facer un percorrido no MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía) polos grandes fitos da Historia das Telecomunicacións, e vainos mostrar ao detalle perante a cidadanía. A fórmula empregada é unha experiencia de Realidade Virtual, a desenvolver dende hoxe ata pasadomañá nun stand expositivo de habilitado no dito museo. Amais da Historia das Telecomunicacións, tamén se visualizarán as grandes contribucións das enxeñeiras e enxeñeiros de Telecomunicación á sociedade.
Segundo informa a COETG, o obxectivo da experiencia é converter aos visitantes en protagonistas activos da historia, permitíndolles trasladarse a intres concretos (relevantes e significativos) do devir tecnolóxico das pasadas décadas, por exemplo ata 1912 para ver a sala de telégrafos do Titanic no momento do afundimento (e poder dar o aviso de emerxencia SOS “máis famoso da historia” a través do código Morse salvando a vida a máis de 700 persoas), ou vivir en primeira persoa a invasión extraterrestre retransmitida por Orson Welles en 1938 a través da radio. Ademais, o usuario poderá rememorar a primeira conexión telefónica da historia en 1878 e pasar unha chamada, ou ser testemuña do momento en que Armstrong en 1969 pisou a lúa, aquel histórico paso para o home e que se retransmitiu en directo ante máis de 500 millóns de telespectadores.
O COETG difunde os grandes acontecementos das Telecomunicacións no MUNCYT
Compartir Este Artigo

