
Segundo informa R, estas mesmas tecnoloxías chegaron tamén (previamente) a unha ducia de superficies fabrís luguesas: a área empresarial de Carral (Begonte) e os parques de Lourenzá, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribadeo, Chantada, A Louzaneta (Lugo), Porto Seco e Reboredo (Monforte de Lemos) e O Morelle e San Xulián da Veiga (Sarria). Logo do despregue levado a cabo pola operadora, estas contornas están xa conectadas a redes ultrarrápidas de Internet, de xeito que son 14 os polígonos lugueses beneficiados polo Plan dende que comezaron as actuacións en 2016.
A operadora R, amais do devandito parte informativo, tamén lembrou que os polígonos acabados de de beneficiar poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
R recordou tamén que, en virtude dos ditos equipamentos, pon a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posibles grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
Prazos e orzamento
O Plan xa completou o despregue en 81 polígonos da Comunidade. En conclusión, en 2018 un total de 130 polígonos (concentrando case o 93% da superficie empresarial ocupada) disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. Estes despregues supoñen un investimento total de 5,2 millóns de euros, dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA e co-financiados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
R estrea Rede ultrarrápida nos polígonos de Guitiriz, Monterroso e Palas de Rei
Compartir Este Artigo
