Fomentar as compras de Nadal con sentido común e con compromiso polo local, ao tempo que se fomenta o uso das novas tecnoloxías da información. Estes son algúns dos obxectivos da campaña Merca e Gaña polo Nadal que impulsan a Deputación de Lugo, os colectivos da Federación de Comercio e o Concello dende a capital da provincia. A edición 2018 da iniciativa, que vén con 10.000 euros en premios, foi presentada polo voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos, pola concelleira de Economía de Lugo, Ana Prieto, e polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas. Segundo fixeron saber, a principal finalidade da campaña é incentivar entre a veciñanza as compras nos 800 comercios da cidade da Muralla durante as vindeiras festividades.
Santos Ramos salientou na presentación da actividade as vantaxes (para todas e todos, clientes e establecementos) de mercarmos en proximidade. Segundo fixo saber, o comercio da capital é un sector que dá emprego a unhas 2.000 familias e que, para estes negocios, as vendas de Nadal supoñen máis da cuarta parte das vendas anuais, superándose a taxa do 30% nos ámbitos das tendas infantís e das droguerías. Por outra banda, sinalou, todo o que repercuta positivamente en negocios e familias residentes en Lugo repercutirá positivamente no restante tecido social da cidade e da súa contorna. “Queremos concienciar á cidadanía da importancia de mercar no comercio de proximidade pois mercando nos establecementos de proximidade gañamos todos”, destacou o voceiro da Deputación.
Merca e Gaña polo Nadal desenvolverase dende o 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Durante estas datas, incentivaranse as compras no comercio local con material de promoción nas rúas dos 67 concellos ou en redes sociais co cancelo #nadalmercaegaña. Por outra banda, as persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia poderán participar no sorteo de 20 tarxetas regalo de 300 euros e outras 20 de 200 euros. Para iso, débese fotografar o tícket da compra e rexistrala en www.nadalmercaegana.com ou solicitar o seu rexistro ao comerciante. O sorteo ante notario será o 11 de xaneiro. Para máis información, cómpre visitar a web www.nadalmercaegana.com.
Na presentación, a concelleira apuntou que “este tipo de campañas son fundamentais para poñer en valor a figura do pequeno comercio, de todas esas tendas que temos nas nosas rúas, ao pé das nosas casas, que son os que realmente axudan manter a economía da nosa cidade”. Pola súa banda, Seijas López subliñou que con esta iniciativa “apostamos por incentivar o uso das novas tecnoloxías, tanto por parte dos consumidores como dos comerciantes, pois temos claro que a dixitalización do comercio é o presente, un paso obrigado”.
Merca e Gaña polo Nadal fomenta as compras locais en Lugo e o uso das TIC
Compartir Este Artigo
