A fundación FEUGA, emprazada no Campus Sur de Santiago, vai acoller o vindeiro 20 de decembro unha xornada sobre as tecnoloxías e sobre as posibilidades e desafíos que estas presentan para os modelos empresariais tradicionais e para os modos de vida que todas e todos coñecemos. Será, polo tanto, unha xornada sobre o que se coñece como revolución dixital, o gran acontecemento dos nosos días, comparable á manchea de cambios e transformacións que veu da man da primeira revolución industrial. A sesión vén da man de Bernardo Hernández, emprendedor e investidor TIC con gran experiencia en compañías do talle de Google (onde ocupou o cargo de director de produtos emerxentes entre 2005 e 2013) ou Flickr (onde foi director executivo, CEO, entre 2013 e 2015).
Segundo lembran dende FEUGA, o seu nome aparece vencellado ao lanzamento de empresas tan sobranceiras do sector dixital como Idealista.com, Tuenti, Glovo ou Wallapop.
O programa da xornada inclúe un achegamento á transformación dixital como creadora de novos modelos de negocio, á aposta polo futuro que representa o binomio talento e tecnoloxía e ás posibilidades de progreso continuo que poñen en xogo a innovación e á tecnoloxía.
A xornada celébrase o 20 de decembro ás 12.30 horas, na sede de FEUGA. A asistencia é de balde.
FEUGA acolle unha xornada sobre transformación dixital a cargo de Bernardo Hernández
Compartir Este Artigo
