O grupo La Nueve, declarado integrante de Anonymous, asegura ter vulnerado a seguridade da páxina web da formación política Vox, denunciando que na mesma atoparon táboas con datos de usuario con contrasinais sen cifrar (ou con cifrado feble) que afectarían a preto de 30 mil persoas e que podería ser unha seria vulneración do Regulamento Xeral de Protección de Datos.
Pola súa banda, Vox recoñece ter sido vítima do ataque, e asegura que os datos ao que se tivo acceso só corresponden a un rexistro de usuarios que se inscribiron na páxina web do partido para recibir información, de xeito que os datos de afiliados ou doadores da formación non estarían comprometidos (xa que están aloxados noutros servidores).
En calquera caso, o rexistro, que dende La Nueve filtraron a varios medios de comunicación, si inclúe información sensible que debería ser protexida, xa que asocia a cidadáns a unha determinada ideoloxía, polo que agora serán as autoridades as que terán que decidir se realmente a formación política foi neglixente co tratamento de datos.
Vulneran a seguridade da páxina web de Vox que mantiña un rexistro de usuarios inseguro
Compartir Este Artigo
