Segue adiante a xira de R destinada a facer repaso da nosa historia tecnolóxica recente, tirando proveito do interesante punto de contacto onde conflúen o humor (a nosa retranca) e as cousas propias da vangarda dixital e a Sociedade do Coñecemento. E, como pano de fondo, as dúas décadas de vida da operadora de raíz galega. Falamos dos espectáculos de monólogos de R, que desta volta arriban a Santiago, ao Auditorio ABANCA do 23 da rúa Preguntoiro, este venres 21 de decembro a partir das 21.00 horas.
Trátase, en palabras de R, dun novo exemplo da aposta da empresa pola canteira galega do humor, que lle serve, ademais, para facer repaso polos seus principais acontecementos históricos agora que a operadora se atopa mergullada nas celebracións do seu 20 aniversario.
O evento contará coa presenza dos nosos humoristas David Amor e a Oswaldo Digón, que presentarán un novo espectáculo con guión do tamén monologuista e actor galego Xosé A. Touriñán. A obra, Monólogos R: #20anosporaquí, é, en palabras de R, “humor do país enchido de referencias ao pasado e presente da empresa, dende os seus inicios, cando a velocidade de Internet aínda se medía en Kbps, ata a era actual dos teléfonos intelixentes na nosa vida cotiá”.
Os monólogos tecnolóxico-humorísticos de R recalan en Compostela
Compartir Este Artigo
