A Deputación de Lugo vai poñer en práctica iniciativas para optimizar e incrementar a cobertura de telefonía móbil nos 67 concellos da provincia. A iniciativa, probada hoxe por unanimidade no pleno do Goberno provincial, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas do rural, incrementar as súas oportunidades laborais e empresariais, favorecer a atención das veciñas e veciños que vivan en contornas afastadas e, en última instancia, facer diminuír a fenda socio-económica e tecnolóxica que separa os emprazamentos urbanos dos que non o son.
A Deputación, en base á aprobación da súa proposta, instará á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) ao Executivo central para pór en marcha medidas coas que incrementar as zonas de cobertura e chegar á totalidade do territorio lugués.
O deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón, subliñou que “a día de hoxe unha gran parte da provincia ten unha cobertura deficiente e hai abundantes zonas escuras”. Na súa opinión, que algo tan elemental en pleno século XXI como a telefonía, “non funcione ou funcione mal”, pode poñer en risco a modernización do propio tecido produtivo, “porque resulta moi complicado concibir a creación dun novo negocio sen que nunha determinada zona do rural da provincia de Lugo o citado servizo estea asegurado”.
Rivera Capón convidou á Xunta a que lembre o seu compromiso inicial co rural e co seu desenvolvemento, e a habilitar medidas que contribúan a poñer freo ao despoboamento dos concellos non urbanos. Segundo fixo saber, unha medida fundamental é sen dúbida a boa cobertura telefónica, que presenta unha operatividade “aceptable” nas zonas urbanas pero que presenta, no rural, “un alcance moi limitado”.
Rivera Capón tamén recordou que o despregue de telefonía móbil e de banda larga recaeu nos últimos anos na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que depende da Xunta de Galicia. A este respecto, fixo crítica dos datos oficiais sobre o alcance do dito despregue: “Malia que o dito organismo autonómico aseguran que na actualidade o 94% da poboación está cuberta, a realidade é que na provincia de Lugo existe unha deficiente cobertura con abundantes zonas de sombra”, explicou, engadindo que “o optimismo que se desprende dos datos da axencia tecnolóxica está totalmente inxustificado porque un estudio de campo no que se radiografían moitos concellos da nosa provincia demostra precisamente todo o contrario”.
Entre estas comarcas desfavorecidas tecnoloxicamente, o deputado citou as da Terra Cha, a Ulloa, Sarria ou Lemos, onde “só ofrece garantías un único operador nas zonas urbanas, mentres que a cobertura é moi deficiente nas parroquias”. Segundo fixo saber, nin sequera a contorna de Lugo é quen de ceibarse da devandita realidade: “Mentres a área urbana goza de boa cobertura o medio rural ten grandes dificultades, por exemplo en parroquias como Vilachá de Mera, Torible, Santa María Alta, O Veral, Esperante, Piugos, Lamas e algunhas zonas de Bascuas e Fazai”.
A Deputación de Lugo instará aos gobernos galego e estatal a mellorar a cobertura móbil nos concellos
Compartir Este Artigo

