Co lanzamento das tendas de aplicacións para móbiles converteuse en practicamente un estándar que os responsables destas plataformas quedasen cun 30% dos ingresos polas compras para compensar así o mantemento da infraestrutura e recibir unha comisión polas operacións económicas, pero aínda que isto teña bastante sentido no caso da venda de aplicación, cando falamos de subscricións a servizos pagar un 30% pola simple mediación no pagamento é unha cantidade abusiva, e así o están a entender moitas compañías que están a fuxir das compras in-app para evitar unha drástica redución de ingresos, de aí que non fose unha sorpresa que hai uns días, tras a realización de varias probas limitadas xeograficamente, Netflix decidise pechar totalmente a contratación e renovación do seu servizo de vídeo baixo demanda a través da App Store (algo que xa fixera meses atrás con Google Play).
Até o momento estímase que a aplicación para iOS de Netflix xerou máis de 1.500 millóns de dólares en subscricións, e segundo datos recollidos por Sensor Tower, Netflix podería ter facturado 853 millóns de dólares na App Store só en 2018, dos que 256 millóns de dólares irían a pasar a Apple sen que a compañía de Cupertino fixese nada para merecer tal inxente cantidade de cartos, que xa non recibirá en 2019.
Hai pouco Apple revisou a súa política de comisións, de xeito que as renovacións de subscricións terían unha comisión do 15% (dato non recollido nas contas de Sensor Tower), cantidade que continúa a ser moi elevada, especialmente se a comparamos con calquera outra plataforma electrónica de pagamentos.
Lembremos que Spotify tamén pechou a posibilidade de subscribirse ao seu servizo a través de tendas de aplicacións, plataformas como as de Amazon levan aos seus usuarios á súa versión web para completar as compras e así evitar as comisións, e incluso Epic Games non quixo publicar Fortnite en Google Play para evitar as comisións da tenda de aplicacións de Google (o que podería ter suposto para Google a perda duns ingresos de máis de 50 millóns de dólares).
Netflix pecha os pagamentos a través da App Store, a través da que facturaba 853 millóns de dólares/ano
Compartir Este Artigo
