A galega SIVSA, referente tecnolóxico na nosa terra (creadora de pioneiras plataformas como Fenix e Geenie), vén de obter un novo recoñecemento ao seu labor en materia de desenvolvemento. A distinción, desta volta, veu da man dos Colexios Oficiais de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática de Asturias (COIIPA e CITIPA), que concederon o Accésit Premio Impulso TIC aos proxectos DevOps nos que SIVSA traballa conxuntamente con IECISA e Ricoh. O galardón entregouse na máis recente edición dos Premios Impulso TIC (PiTIC) 2018 que convocan as ditas entidades profesionais.
Os proxectos galardoados teñen por obxectivo a mellora e optimización dos procesos de desenvolvemento, mantemento e operación dos sistemas software da Administración do Principado de Asturias, unha iniciativa que foi encargada pola Dirección Xeral de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións do Principado.
Recolleu a distinción Alexander Mateos, que asistiu en representación de SIVSA ao acto de entrega dos premios Impulso TIC, que se celebrou o pasado 14 de decembro en Siero.
Os Premios Impulso TIC, que contan con cinco categorías (Empresa, Social, Educación, Ámbito Local e Mención Especial), son impulsados polos devanditos colexios oficiais para recoñecer aqueles proxectos que destacan polo seu fomento do uso do TIC en diferentes áreas.
SIVSA, galardoada polos informáticos asturianos
Compartir Este Artigo

