
A iniciativa parte de inmellorables precedentes: xa conta con importantes clientes en Galicia, Asturias, Cantabria, Castela A Mancha, Castela León, Estremadura e Canarias, formando en liña a mais de 3.000 alumnos anuais. Agora, co novo lanzamento e co novo ano, a estratexia a seguir é abranguer en 2019 todas as Comunidades Autónomas e en 2020 estenderse a Iberoamérica.
A respecto das orixes do proxecto e dos seus porqués, o fundador de Noa Innova, o lucense José María López Bourio, creador de varias startup tecnolóxicas, fai saber que “as empresas deben asumir meirandes responsabilidades á hora de formar aos seus traballadores para aproveitar as vantaxes da dixitalización”. Neste senso, a plataforma Digital Business School posta en marcha por Noa Innova, pretende “modernizar o sector educativo nas empresas, xa que dada a rapidez dos cambios é necesaria unha formación interactiva orientada a fomentar as capacidades aproveitando as vantaxes da tecnoloxía”, explican os responsables da empresa, engadindo que “a plataforma funciona 24 horas os 7 días da semana e é apta para dispositivos móbiles”.
Pola súa banda, a administradora de Noa Innova, Rosa Feijoo, sinala que “as empresas que non adopten estratexias dixitais e de formación nesas habilidades dos seus traballadores están condenadas á desaparición”.
Noa Innova conta con máis de 40 colaboradores profesionais en habilidades dixitais provenientes do mundo empresarial, entre os que se contan mentores de alumnado, enxeñeiros, psicólogos, economistas e expertos en comunicación, recursos humanos, mercadotecnia e plans de negocio. O obxectivo común de todos eles é “fomentar a aprendizaxe en liña a través programas formativos innovadores, como os de transformación dixital das empresas e os programas avanzados de talento, cultura e empresa dixital”.
Desde Noa Innova afirman que “a mellor maneira de adaptarse aos rápidos cambios é facilitar a empresas e traballadores ferramentas capacitadoras para a construción e transformación dixital, e todo isto poñendo o foco nas PEME, posto que todos os empregos van sufrir a transformación tecnolóxica e en España hai moito por facer”. Sobre todo, engaden, porque dos 19 millóns de traballadores apenas se forman anualmente 3,5 millóns.
Noa Innova lanza unha ambiciosa plataforma dixital de formación para ámbalas beiras do Atlántico
Compartir Este Artigo

