Este 2 de febreiro imos ter unha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que desenvolven regularmente os integrantes da Asociación Amigus e Merca nas Pontes. Será unha nova oportunidade para mergullarnos no espírito Maker, na robótica, no software e o hardware libres, na arte, na creación dixital e na formación.
A nova cita dos laboratorios participativos de Amigus, a edición 19.2, desenvolverase como de costume no Lar da devandita vila coruñesa. O obxectivo será avanzar en proxectos libres nos que se vén traballando dende anteriores edicións. Estarán expostas as creacións realizadas durante o ano pasado, como o barco solar autónomo ou os robots velocistas.
Tamén haberá un recanto retro, adicado á creación de vídeoxogos e pixel art, sobre a plataforma Amiga. Amais, contarase novamente coa presenza de José A. González, membro do selo Iron Gate, que presentará o seu último proxecto e mostrará como se traballa nun xogo arcade, dende o guión, o deseño do mapa, e os grafismos, pasando polas técnicas empregadas para dotar de vida e intelixencia aos personaxes.
Por outra banda, a nova cita dos Amigus Labs ofrecerá de novo un recanto para a impresión 3D, unha CNC e unha zona de prototipado e testeo de electrónica. Ao fío disto, está previsto proseguir co deseño e a montaxe da impresora Core XY de Amigus Labs.
Na Amigus Labs Kids artellarase a sesión nun primeiro obradoiro de deseño gráfico con ferramentas libres de debuxo vectorial como é o InkScape, e outro obradoiro onde se dará forma a un robot de debuxo con hardware e software libre como materias primeiras coas que darlle forma.
A idade mínima para participar tanto nos obradoiros como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde.
Volven os Amigus Labs para introducirnos nas tecnoloxías sen cancelas
Compartir Este Artigo

