O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vai organizar en febreiro a segunda parte do Curso de Delegado de Protección de Datos (DPO), unha actividade formativa dirixida a especializar e capacitar aos nosos profesionais en todo o relativo á salvagarda da información ao abeiro dos novos soportes (e en relación directa co regulamento europeo vixente). O curso, impartido por AENOR e recoñecido pola AEPD celebrarase os vindeiros días 1 e 2 de febreiro na Cidade da Cultura.
Nesta segunda fase, continuación das sesións celebradas o pasado mes de setembro, participarán os mesmos asistentes da primeira, ao obxecto de completar a súa formación sobre a figura do DPO. Segundo informa o CPETIG, as dúas vindeiras sesións terán unha duración total de 10 horas, distribuídas entre a tarde do venres, día 1, e a mañá do sábado, día 2, completando así un programa formativo de 30 horas, recoñecido pola Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) como parte dun dos seus itinerarios para optar ao exame de certificación como DPO.
Os contidos da actividade están centrados nos fundamentos e principios do novo regulamento de Protección de Datos, nos dereitos das persoas interesadas, nas obrigas dos responsables e ose ncargados do tratamento da información e nas medidas de seguridade, así como no estatuto da figura do Delegado de Protección de Datos, na Autoridade de control e no réxime sancionador.
Obxectivos
O curso de DPO ofrece unha visión xeral da normativa europea de Protección de Datos, incidindo en aspectos prácticos para as entidades responables do tratamento e os seus fornecedores de servizos. Entre outros obxectivos, o curso está deseñado para “coñecer os principios básicos da nova normativa, cunha análise detallada das obrigas que afectan ás entidades públicas e privadas que tratan datos de carácter persoal; e afondar nas funcións do DPO, acadando o nivel de coñecemento preciso para poder levalas a cabo”.
Formación recoñecida pola AEPD
A formación é impartida por AENOR e está recoñecida pola AEPD como válida para a obtención de puntos e posterior presentación ao exame de Certificación DPO. O perfil profesional ao que vai dirixido o curso inclúe a responsables de seguridade e cumprimento normativo, auditores internos ou externos que deban avaliar a observancia da normativa, consultores, avogados e, en xeral, a profesionais interesados en prestar servizos neste ámbito.
O CPETIG completa en febreiro a súa formación específica para protectores de datos
Compartir Este Artigo

