Nas páxinas do The New York Times recollen unha información bastante preocupante sobre as intencións de Mark Zuckerberg de integrar os distintos servizos de mensaxería da súa compañía (WhatsApp, Instagram e Facebook Messenger), ou sexa, que aínda que as tres aplicacións continuarían a operar por separado, a súa infraestrutura técnica estaría unificada, de xeito que unha única plataforma de comunicación contaría con máis de 2.600 millóns de usuarios, facilitando o envío de mensaxes entre plataformas.
Estamos ante unha posibilidade que claramente preocupará aos organismos anti-monopolio, á vez que tamén sería todo un reto de cara á seguridade e á privacidade dos usuarios, e que non podería ser realidade ata probablemente o ano que vén, xa que require profundos cambios nas tres plataformas (lembremos que Instagram e Messenger almacenan as mensaxes nos servidores de Facebook, mentres que WhatsApp non garda copias das mensaxes fóra do smartphone do usuario).
Polo momento Zuckerberg estaría a ordenar que todas as aplicacións integren cifrado de extremo a extremo, ou sexa, que a mensaxería nas tres plataformas teñan niveis de seguridade equiparables, de xeito que sexan cada vez máis semellantes, e a intercomunicación entre as mesmas non suporía unha perda de seguridade.
Este movemento da compañía respondería en boa medida á perda de pulo de Facebook, mentres que Instagram e WhatsApp non cesan de medrar e, de feito, actualmente WhatsApp é xa a ferramenta social máis usada do mundo, de xeito que en Occidente practicamente o único país no que non sería un referente sería os EE.UU.
En calquera caso, as intencións de Zuckerberg poderían verse frustradas polos reguladores, pois non podemos esquecer que a nivel europeo hai xa limitacións para a integración entre Facebook e WhatsApp, e se metemos na ecuación a Instagram a cousa complicaríase aínda máis, e o cruzamento de datos entre todas estas plataformas podería chegar a ser ilegal se non se realiza con certas garantías (como permitir que os usuarios estean debidamente informados e poidan escoller se queren ou non integrar as súas diferentes contas).
Zuckerberg quere integrar a mensaxería de Facebook, Instagram e WhatsApp
Compartir Este Artigo
