Un equipo de investigadoras e investigadores da Facultade de Medicina da USC está a impulsar un software para optimizar a comunicación das persoas con esquizofrenia ou autismo. O programa en cuestión é unha ferramenta para computador que actúa positivamente na rehabilitación das habilidades para o recoñecemento de emocións no ton de voz en persoas con trastornos mentais, axudándolles na correcta interpretación de xestos, expresións, acenos de linguaxe corporal e tons de voz co obxectivo último de mellorar a súa calidade de vida.
Entre as investigadoras que traballan no proxecto atópase María Lado Codesido, investigadora da Facultade de Medicina da USC e médica psiquiatra do Hospital Universitario de Donostia, quen lembra que as persoas afectadas de diversas patoloxías mentais presentan “unha maior dificultade para recoñecer as emocións cando se relacionan con outras”. Estes déficits, explica, “supoñen unha peor integración social coa contorna”. Sobre este punto da incomunicación e da exclusión é onde atopa o software desenvolvido, chamado Voices e dispoñible xa na páxina web www.e-motionaltraining.com. Os recursos que subministra a web baséanse sobre todo en xogos autoaplicados, actividades centradas en traballar as emocións mediante a obtención de puntuacións e, tamén, en mellorar o recoñecemento emocional e as habilidades sociais.

O grupo traballa hoxe no deseño de novas programas para alcanzar os obxectivos propostos. As persoas que participaron como mostra para o estudo procedían do Hospital de Día dos servizos de Psiquiatría dos complexos hospitalarios universitarios de Vigo, Ourense e Ferrol, da residencia Ceboliño de Ourense e dos centros de rehabilitación psicosocial de APEM Carballo e da asociación Afaes Porta Nova de Narón.
Voices adopta a feitura dun xogo onde se escoitan diferentes frases gravadas por actores e actrices profesionais nas que se poden detectar diferentes tons de voz e onde o/a usuario/a terá que elixir cal é o correcto entre varias opcións. Existen oito sesións diferentes, dúas por semana, representando distintos graos de dificultade progresiva. Tras cada sesión, obtéñense unha serie de puntos segundo os acertos producidos durante o xogo. Actualmente a páxina web de rehabilitación, desenvolvida co financiamento do SERGAS, xa chegou a máis de mil usuarios en máis de 50 centros de oito comunidades autónomas diferentes.
A USC impulsa un software para mellorar a comunicación en persoas con trastornos mentais
Compartir Este Artigo

