Esta semana comezou a súa andaina en Lugo a primeira das oito actividades de apoio ao emprendemento requiridas pola cidadanía a través dos Orzamentos Participativos locais. Estamos a falar do Programa 3C: Capital Creativo Competitivo, que se celebra ata marzo no CEI-Nodus. A iniciativa, inaugurada polas concelleiras Rosana Rielo e Ana Prieto, ofrecerá a 20 empresas e persoas emprendedoras actividades de capacitación e asesoramento personalizado “para definir e reiventar os seus modelos de negocio”.
O que se busca a través do Programa 3C, segundo sinalaron os concelleiras, é descubrir e implementar metodoloxías creativas que melloren a capacidade competitiva das empresas participantes. Na visita a este obradoiro de transformación tecnolóxica e innovadora tamén estivo un técnico do CEI-NODUS, Norman Veiga, representantes da asociación de empresarios novos AJE (encargados de presentar a iniciativa no proceso activado polo Goberno local ao abeiro dos Orzamentos Participativos) e o asesor desta actividade.
O Programa 3C: Capital Creativo Competitivo desenvolverase como dixemos ata finais de marzo. O asesor adaptarase ás circunstancias horarias de cada empresa, mantendo reunións coas persoas interesadas ben en xornada de mañá ou de tarde, de luns a sábado. Encargarse das avaliacións previas, da integración de ferramentas, do seguimento continuo dos procesos innovadores e de aplicar medidas correctoras ata a análise final.
Amais desta iniciativa activada esta semana, a veciñanza de Lugo achegou sete propostas máis de emprendemento ao marcos dos OP do Concello. Son sobre todo accións de adestramento, de capacitación e asesoramento a cargo de expertos e dirixidas á xuventude, mulleres, autónomos e PEME. O obxectivo común é implantar ou mellorar unha actividade empresarial a través das novas tecnoloxías, a innovación e a creatividade. Estas son as sete restantes:
· Aprende a Medrar: trátase dun programa de consolidación empresarial establecendo estratexias para atraer cliente e mantelos no tempo. Celebrarase entre os meses de marzo e maio.
· Pílulas de coñecemento para emprendedores: proxecto a empresas xa constituídas, incluirá catro obradoiros sobre técnicas para mellorar o funcionamento e competitividade dos negocios.
· Estudo dun plan de accións para a transformación do barrio da Tinería, unha iniciativa que complementará a decisión do Concello de crear nesta zona “un viveiro de empresas a pé de rúa”, e que incluirá medidas en sete eidos: comercial; administrativo; educativo, docente e cultural; asistencial; deportivo; sanitario; e obradoiros de artesanía. O estudo desenvolverase entre febreiro e abril.
· Future Jobs Tools: unha iniciativa de formación dirixida a estudantes universitarios e de ciclos formativos, mulleres emprendedoras, autónomos e PEME interesados en coñecer as novas tendencias do mercado laboral, “marcadas polas novas tecnoloxías da información”. Impartiranse entre febreiro e marzo tres obradoiros baseados na novela empresarial El Desafío de Yago, a secuela de La Aventura de Diana, en palabras das concelleiras “unha referencia na aprendizaxe da innovación”.
· Chatbot Learning: actividade dirixida a formar na aplicación da Intelixencia Artificial “de forma sinxela e práctica” a unha idea de negocio ou a unha empresa en marcha. Celebrarase en marzo.
· Lucus Raid, Emprende o Camiño: quince mozas e mozos con inquietudes emprendedoras, ao mesmo tempo que cobren a ruta xacobea, recibirán titorías individualizadas en materia de creación de empresas. A actividade celebrarase entre marzo e maio.
· Segunda edición da Feira de Nenos e Nenas Emprendedores, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis pequenos. Celebraranse uns obradoiros previos no primeiro semestre do ano.
En marcha o primeiro dos programas innovadores solicitados pola cidadanía de Lugo
Compartir Este Artigo

