Esta mañá o Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) celebrou a posta en marcha da súa nova Oficina de Transformación Dixital, que pretende achegar ás PEME galegas ás tecnoloxías e aos coñecementos precisos para enfrontarse aos retos dixitais, nun acto conducido polo xornalista coruñés Pablo Portabales na sede da Fundación Barrié, que botou a andar cun relatorio de José Luís Portela, director do programa de Dirección Estratéxica de Proxectos do IE Business School, quen quixo salientar que «a clave é o cambio» e amosou un panorama no que, pese a todos os cambios tecnolóxicos e de escenario que poidan producirse, o importante continuarán a ser as persoas competentes.
Colleu o relevo de Portela o profesor asociado adxunto en ESADE Franc Carreras, experto en mercadotecnia dixital, quen instou a tirar proveito da transformación dixital para beneficiarse do cambio, ao que tamén contribuíu coa súa visión a divulgadora científica Silvia Leal, que falou da Industria 4.0 e do tsunami dixital que está por chegar, instando aos presentes a non ter medo e ver a ocasión como unha oportunidade.
Como conclusión desta xornada matinal, Pablo Portabales moderou unha mesa redonda entre os tres relatores, que tamén contou con participación activa do público asistente, na que afondaron e contrastaron algúns dos temas expostos nas horas anteriores, sacando a relucir temas como os novos perfís dixitais que marcarán as profesións do futuro ou a necesidade de observar o contorno á hora de que as empresas decidan o camiño a emprender.
Esta xornada busca dar visibilidade á Oficina de Transformación Dixital do ICOIIG, que realizará distintas accións financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) e Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), perseguindo que que as PEME poidan dar o salto á dixitalización, incorporando as TIC nos seus procesos, na xestión dos seus negocios ou iniciándose no comercio electrónico da man de asesores independentes. Aseguran que a Oficina desenvolverá outras 124 actividades de difusión nas principais cidades galegas para contribuír así á mellor competitiva do empresariado galego a través da catalización da transformación dixital.
