As Lanzadeiras de Emprego da nosa terra, palestras de inserción laboral innovadora postas en marcha pola Fundación Telefónica, a Fundación Santa María A Real e a Xunta, celebraron este 31 de xaneiro un encontro no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). Na cita participaron un centenar de persoas en situación de desemprego: as actuais beneficiarias e beneficiarios das lanzadeiras da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Santiago. O obxectivo foi compartir experiencias sobre a nova procura de traballo que están a realizar e coordinarse na fase de achegamento ao tecido empresarial.
Estas cinco palestras de empregabilidade, xunto coa de Pontevedra que non puido asistir, forman a media ducia de lanzadeiras galegas en activo a día de hoxe, a engadir as 15 edicións desenvolvidas na nosa terra ao longo dos últimos catro anos, nas que participaron máis de 400 persoas, cunha media de inserción laboral do 60%. Ademais, súmanse tamén ás iniciativas análogas de emprego espalladas por todo o eido estatal da man de Telefónica e a Fundación Santa María A Real.
A primeira parte do encontro celebrado en Santiago (entre as 9:30 e as 11:30 horas) centrouse nunha presentación das cinco lanzadeiras e a realización dunha dinámica de networking. Os participantes distribuíronse en pequenos subgrupos por sectores profesionais para coñecerse mellor e compartir información sobre as empresas, institucións ou entidades que queren visitar durante as vindeiras semanas para promoverse e buscar a súa inserción.
As técnicas e técnicos que xestionan as lanzadeiras da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Santiago (Angélica Vidal, Alejandro Martín, Rosa Curral, Ángeles Sampedro e Victoria Calvo, respectivamente) deron a coñecer as razóns de por que se decantaron pola xuntanza deste 31 de xaneiro: para fomentar o intercambio de experiencias entre os participantes, mellorar a súa coordinación e facer máis forza como lanzadeiras galegas ante o tecido empresarial. Asemade, detallaron as características do programa formativo que están a levar a cabo dende novembro, centrado en autocoñecemento, en intelixencia emocional e motivación, no uso eficaz e rendible das ferramentas novas da comunicación, na elaboración dun plan de procura laboral e dunha marca persoal, no adestramento en mercadotecnia e na actualización de currículos e simulacións de entrevistas de traballo.
No CNTG tamén participaron Marta Prieto, responsable de Emprego da Fundación Santa María A Real en Zona Norte; Cristina de la Cuesta, responsable de Proxectos na área de Empregabilidade da Fundación Telefónica e Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia.
As lanzadeiras de emprego de Telefónica xuntaron en Santiago un centenar de persoas
Compartir Este Artigo

