A semana pasada, o 31 de xaneiro, o Castelo de Soutomaior acolleu unha relevante xuntanza de blogueiras e influencers do ámbito da moda, todas coa arela común de compartiren experiencias e puntos de vista sobre o fenómeno da comunicación de tendencias creativas en comunidades en liña que conflúen e se enriquecen. A reunión veu con feitura de visita guiada: un percorrido pola mostra A moda en detalles: Indumentaria e complementos, exposta no castelo.
Na cita participaron unhas vinte blogueiras, instagramers e seareiras e seareiros do ámbito da moda. Amais, tamén fixeron acto de presenza a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, os deputados Digna Rivas e Santos Héctor, a directora do Máster de Moda, Lola Dopico, a co-fundadora e deseñadora de D-Due, Charo Froján, a artista e deseñadora gráfica Mónica Mura e a comisaria da dita mostra, Natalia Fraguas. A presidenta aproveitou a visita para anunciar que “grazas á afluencia de público e ao rotundo éxito acadado”, a devandita exposición ficará un mes máis no castelo de Soutomaior, ata finais de marzo. Silva tamén reivindicou o papel das mulleres como “creadoras de moda” e a necesidade de impulsar “vestimentas que nos permitan responder ás múltiples actividades que agora podemos realizar, aos novos tempos e esixencias das mulleres no mundo”.
Na visita á exhibición do castelo salientáronse os vencellos da moda dos séculos XIX e XX coas actuais tendencias, así como a súa relación co movemento feminista. A moda en detalles: Indumentaria e complementos é a primeira acción cultural e complementaria que se desenvolve no Castelo de Soutomaior no marco das accións previstas para a posta en valor da musealización e o potencial histórico e cultural do edificio. A exposición recolle 200 pezas únicas da historia da moda feminina de finais do século XIX e principios do século XX que forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra, moitas delas expostas por vez primeira en Soutomaior.
Blogueiras e instagramers da moda tomaron o Castelo de Soutomaior
Compartir Este Artigo

