Non hai dúbida en que a posibilidade de editar chíos en Twitter, principalmente para corrixir erros, é a funcionalidade máis demandada polos usuarios dende o lanzamento do servizo, pero a compañía presentou resistencia a tal opción que si teñen o resto de plataformas sociais, pero finalmente poderían ceder á presión, segundo entendemos nunha entrevista de Joe Rogan ao máximo responsable de Twitter, Jack Dorsey.
Dorsey asegura que a opción de editar non está presente dende o comezo porque «nacemos do SMS, nacemos das mensaxes de texto. Cando ti mandas unha mensaxe non podes desfacela. Cando mandas un chío sae ao mundo instantaneamente, non podes desfacelo».
O fundador de Twitter engade que poderían dar unha marxe de 5-30 segundos para modificar as publicacións (sen ir máis aló para non estragar a conversa en tempo real), pero tamén insistiu nun detalle: queren que o chío orixinal sempre poida verse. Deste xeito poderían evitarse abusos, como a publicación de contidos abusivos que tras chegar á persoa á que atacan puidesen editarse para agochar do resto de olladas tal comportamento tóxico.
Non hai ningunha confirmación de que Twitter vaia introducir por fin a opción de editar chíos, pero si deixan claro que é un tema no que están a pensar, e consideran que é algo demasiado importante como para facelo sen a debida reflexión.
Twitter está a estudar a posibilidade de permitir editar chíos
Compartir Este Artigo
