A quinta edición da Competición de Robots da EEI da UVigo promete superar todos os fitos das anteriores convocatorias. Así o vén de confirmar a organización, que está a comprobar novamente como se superan todas as expectativas. Desta volta, cubríronse antes do peche establecido as 171 prazas ofertadas, “que resultaron insuficientes para dar acubillo a outros 30 equipos que ficaron en listaxe de espera”. A UVigo sinala que o evento xuntará 1.000 estudantes de 171 equipos chegados de centros escolares de todos os recantos da nosa terra. Tamén lembra que a actividade está prevista para o 26 de abril.
A competición, organizada pola Escola en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo, pretende achegar a universidade ao alumnado de ESO e Bacharelato, así como “fomentar o interese da xente nova polas disciplinas STEAM e máis especificamente polos estudos de enxeñaría, ao tempo que se amosan as titulacións que se imparten la Escola”.
Por modalidades, na categoría Wall-E cubríronse as 156 prazas ofertadas cun total de 98 equipos de estudantes de 1º,2º,3º e 4º da ESO e outros 58 equipos de estudantes de 1º e 2º Bacharelato. Ademais, outros 30 equipos quedaron en lista de espera.
Pola súa banda, na categoría R2D2, dirixida a estudantes de titulacións superiores e outras persoas interesada, tamén se cubriron as 15 prazas ofertadas.
En canto á procedencia das e dos participantes, mantívose a tendencia de edicións anteriores, repetíndose a presenza maioritaria de centros da provincia de Pontevedra (64%), seguida de A Coruña (33%), quedando o resto repartido entre as provincias de Lugo e Ourense.
Acerca das devanditas cifras, o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, destaca “a fidelidade que amosan a gran maioría dos centros, que repiten a súa participación despois de catro edicións anteriores. Certamente gustaríanos poder atender todas as solicitudes que recibimos, pero temos que ser conscientes de que hai unha serie de limitación nos espazos e nos medios que nos impiden acoller a máis equipos. Aínda así, procuramos concienciar aos centros para que sexan comprensivos e solidarios e poidan participar o maior número deles”.
Un milleiro de estudantes participará na competición de robots da UVigo
Compartir Este Artigo

