O Unicode Consortium vén de facer pública a listaxe final de emoticonas para o ano 2019, coa incorporación de 230 novos emojis que ao longo do ano chegarán ás principais plataformas, incluíndo elementos como o flamenco, o oso preguiceiro, a mofeta, o can guía, o corazón branco, a máscara de mergullo, os traxes de baño (masculino e feminino) ou o gofre.
Pero o máis salientable da listaxe de novas emoticonas a incorporar no presente ano estaría a diversidade, de xeito que podemos atopar a persoas con discapacidades, cadeiras de rodas, bastóns para invidentes, membros ortopédicos… e no caso da emoticona dun par de persoas collidas da man (que poden ser do mesmo sexo) esforzáronse especialmente para poder representar distintas combinacións de tons de pel.
A listaxe básica de novas emoticonas sería realmente de 59, pero ao incorporar diversidade sexual e racial é cando chegamos a 230 emoticonas que pouco a pouco irán chegando a aplicacións e sistemas operativos, para facer que este tipo de linguaxe visual poida continuar a facilitar a comunicación entre as persoas, principalmente en plataformas de mensaxería instantánea e redes sociais.
Vídeo promocional coas novas emoticonas
