O tratamento dos datos persoais que fai Facebook dentro do ámbito da Unión Europea pode resultar moi discutible, especialmente dende a aprobación do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), e precisamente por iso o Bundeskartellamt, a autoridade xermana responsable da competencia e dos dereitos dos consumidores, decidiu impor restricións a Facebook, sendo o máis destacable a prohibición de combinar os datos de usuarios de Facebook cos de WhatsApp e Instagram sen o consentimento expreso de cara usuario. O organismo tamén considera que páxinas web de terceiros non poderán recoller información e asociala a contas de usuario de Facebook sen un consentimento expreso.
Temos así que boa parte da estratexia global de Facebook non podería aplicarse en Alemaña, aínda que poderiamos entender que o mesmo podería acontecer en todos os países da Unión Europea, o que provocou que dende Facebook xa lanzasen un comunicado expresando a súa desconformidade coa decisión do Bundeskartellamt.
Entre os argumentos do organismo xermano estarían que Facebook é unha compañía que exerce o dominio no mercado das redes sociais (algo que a empresa teima en negar, ao considerar que existen numerosos servizos alternativos, sostendo que «popularidade non é dominio») e combinar a información recollida de distintas fontes para asociala a contas de usuario tamén podería ser un caso de abuso de posición dominante.
Facebook defende que cumpre co RXPD, e entende que o Regulamento debería ser unha materia que tratasen os reguladores de protección de datos e non autoridade de competencia, especialmente para facilitar que o mercado europeo sexa harmónico, e que non se apliquen criterios diferentes entre países.
O Bundeskartellamt limita a Facebook o cruce de datos de usuarios de distintas fontes
Compartir Este Artigo
