O Politécnico do Campus de Ourense foi este mércores un chamamento colectivo a mostrar e reivindicar o importante labor das mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos. Foi no marco da segunda Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas Exxperimenta en feminino, na que participaron 90 investigadoras e universitarias e 230 escolares, todas e todos compartindo coñecemento e botando abaixo barreiras, estereotipos e prexuízos. A xornada, con formato de feira, levouse a cabo no marco da programación da UVigo para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que é o 11 de febreiro.
Segundo lembraron as impulsoras da xornada, Exxperimenta en feminino naceu o pasado curso da man de investigadoras da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, contando co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
Na súa segunda edición, a feira contou coa asistencia de estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato de tres centros da cidade de Ourense e un de Verín. En Vigo a cita será luns 11 no Edificio de Ciencias Experimentais, no Cinbio e nas escolas de Enxeñería Industrial e Enxeñaría de Telecomunicación.
Entre outras actividades, a xornada incluíu actividades divulgativas deseñadas polas investigadoras e estudantes relacionadas coa microbioloxía, a enxeñaría química, as tecnoloxías dos alimentos, a enxeñaría aeroespacial, a informática e as novas linguas tecnolóxicas.
O grupo máis numeroso de investigadoras foi o procedente da Facultade de Ciencias, que desenvolveron un amplo abano de actividades e postos. Entre as novidades deste ano, investigadoras e alumnas da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo atenderon un stand no que, baixo o título Contra Efecto Matilda, explicaron como voa un avión empregando unha maqueta dun túnel de vento feito por elas mesmas.
Da Escola Superior de Enxeñaría Informática, as investigadoras desenvolveron unha actividade centrada en amosar ferramentas sinxelas que permiten ás e aos escolares crear pequenos videoxogos ou dirixir avatares. Outro tema presente foi a saúde, podendo o público asistente coñecer o seu grupo sanguíneo ou como salvar unha vida.
O Campus de Ourense mostra o papel imprescindible das mulleres científicas e tecnólogas
Compartir Este Artigo

