O sistema de moderación de YouTube sobre os seus contidos foi sempre moi criticado por arbitrario e inhumano, de xeito que tanto podemos atopar casos nos que un contido claramente inapropiado non se retira como se bloquea o acceso a unha canle dun xeito inxustificado durante varios días, pero agora aseguran que van mellorar o seu sistema de amoestacións, facendo que sexa máis claro e consistente.
Coa actualización das normas de YouTube búscase a súa simplificación, dando tamén máis oportunidades para a súa comprensión, facilitando que se manteña unha comunidade saudable. Até o momento tiñan instaurado un sistema de 3 avisos (antes de emprender medidas severas), e o 94% dos usuarios que recibían o primeiro nunca chegaron a recibir un segundo, polo que entenden que este sistema funciona ben.
A partires do día 25 as normas de YouTube serán máis flexibles coa primeira infracción, de xeito que as canles que reciban un primeiro aviso por publicar contido que supera a liña non recibirá unha penalización maior que a retirada dese contido, facendo que a advertencia consiga o seu efecto e leve a que o usuario afectado coñeza a causa da mesma e evite prácticas semellantes no futuro.
Un detalle a ter en conta é que agora a política de amoestacións aplicarase a todo YouTube, ou sexa, tanto a vídeos, miniaturas, historias e mesmo ligazóns a outras páxinas web incluídas nas descricións.
Sobre as penalizacións que teñen as amoestacións, pasarán a ser do seguinte xeito:
– o primeiro aviso suporá a imposibilidade de subir contido a YouTube (incluíndo directos) durante unha semana
– o segundo aviso nun período de 90 días suporá a imposibilidade de subir contido a YouTube durante 2 semanas
– o terceiro aviso en 90 días levará ao peche definitivo da canle
YouTube tamén comprométese a unha maior claridade á hora de notificar os motivos das amoestacións, así como indicar con maior detalle a norma que se viola.
YouTube promete máis consistencia e claridade no seu sistema de amoestacións
Compartir Este Artigo
