Blockchain.gal, comunidade galega centrada en divulgar os usos e vantaxes da nova tecnoloxía de cadea de bloques desenvolve este xoves no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) un relatorio sobre Lightning Network, a solución de adaptación e evolución de bitcoin que permite cousas como pagar nun supermercado coa devandita moeda sen ter agardar confirmacións de abondo. A cita dará comezo ás 18.30 horas. Nela afondarase nas posibilidades de Lightning Network para facer micropagos ou para conseguir a máxima adaptación a diferentes contornas da rede bitcoin.
A cita, entre outras cousas, incluirá unha demostración práctica na que se mostrará como facer o pago dun café en Starblocks mediante a devandita tecnoloxía. Este é o roteiro temático a seguir no relatorio: problemas de escalado sobre a rede bitcoin, canles de pago, a solución de segunda capa de Lightning Network e o exemplo práctico.
Para quen non o saiba, Blockchain.gal é unha comunidade que ten como obxectivo divulgar os beneficios das tecnoloxías relacionadas coas redes blockchain e o seu impacto na sociedade. A actividade visible da asociación comezou en xaneiro do ano pasado en Compostela, tamén no CESGA, e logo estendeuse a outras cidades da nosa terra como por exemplo Vigo ou Coruña, desenvolvendo sesións técnicas e divulgativas sobre a dita tecnoloxía e as amplas posibilidades. Por contidos, os integrantes de Blockchain.gal adoitan ir alén do tecnolóxico, abordando tamén temáticas relacionadas con aspectos legais e fiscais (tendo en conta que a cadea de bloques están na orixe e no impulso das moedas virtuais).
Blockchain.gal introdúcenos este xoves nas posibilidades da rede de canles de pago Lightning Network
Compartir Este Artigo

