Compostela quere ser unha cidade máis limpa, e quere conseguilo a través das novas tecnoloxías, tal e como sinalamos dende Código Cero na recta final de 2018 con motivo da presentación do proxecto europeo TRAFAIR. Agora, xa metidos de cheo no 2019, Santiago aborda un novo vieiro de sustentabilidade e recursos smart ao servizo da calidade do ar co proxecto GREeNs, no que traballan novamente o Concello e a Universidade (USC) e que conta co apoio tecnolóxico de Televés e Galuresa, entre outras firmas locais. O obxectivo da iniciativa, que vai ser participativa (implicando directamente á cidadanía a xeito de comunidade dixital), é reducir as emisións contaminantes e converter a capital de Galicia “nunha cidade máis verde”.
Estas son as razóns de ser de GREeNs, que o Goberno local vén de presentar á última convocatoria europea de Accións Urbanas Innovadoras. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou onte a iniciativa nunha rolda de prensa na que tamén participaron o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri, e o director de I+D de Televés, Sebastián Pantoja.
O concelleiro explicou que “GREeNs é un proxecto innovador que pretende reducir a pegada dos gases de efecto invernadoiro e mellorar o espazo público na cidade, mudando os comportamentos da cidadanía en materia de mobilidade e de consumo de enerxía e dándolle un novo uso aos edificios residenciais”. O edil tamén lembrou que Compostela, malia a notable presenza dos espazos públicos verdes cos que conta (unha rede de parques e bosques que xa lle valeu importantes recoñecementos a nivel internacional), está por enriba da media estatal en canto a toneladas de CO2 emitidas ao ano. Ou sexa, que ten un nivel de contaminación que non lle corresponde, nin por número de habitantes nin por características medio ambientais. Boa parte da culpa disto téñena cousas como o importante volume de vehículos que cruza a capital cada día, procedentes sobre todo de concellos lindeiros. Duro explicou que arredor de dous terzos destes vehículos están clasificados como altamente contaminantes. “Malia isto”, dixo, “Compostela carece dunha rede de monitoraxe axeitada para obter unha imaxe precisa dos niveis de contaminación do ar”.
Metodoloxías a poñer en xogo
GREeNs contempla iniciativas como a posta en marcha dun proxecto piloto en vinte edificios residenciais da cidade nos que se despregará a tecnoloxía que permita instalar sistemas de seguimento de consumo de enerxía para promover o comportamento ecolóxico e o aforro enerxético das persoas residentes; a instalación dun sistema xestionado por Tussa que permita que as persoas propietarias aluguen as súas prazas de estacionamento privado polo tempo no que elas non as usen (compensando así a desaparición de prazas en superficie); ou a instalación dun sistema de control continuo da calidade do aire para poder facer “unha avaliación precisa dos resultados do proxecto”. Estes recursos comezarán a súa actividade integrados cunha solución tecnolóxica única. Esta, co fin de mobilizar a cidadanía e implicala nunha cuestión que a atinxe de cheo, complementarase cun sistema de recompensas que convidará a implantar comportamentos máis sustentables. A idea, neste punto, é seguir o ronsel da iniciativa Tropa Verde, que consiste en fornecer á veciñanza de recompensas polo seu compromiso medio ambiental á hora de desfacerse de refugallos de todo tipo.
Modelos a seguir
Segundo fixo saber o Concello, o proxecto GREeNs está inspirado en propostas semellantes que se veñen desenvolvendo en cidades de todo o mundo como Seattle, pero tamén en municipios do Estado como Rivas Vaciamadrid, Barcelona ou Avilés. O edil de Medio Ambiente apuntou que “o Concello xa vén mantendo xuntanzas coas comunidades de propietarios de edificios que poderían participar no proxecto piloto, e a resposta inicial foi positiva, tanto no relacionado coa instalación dos diferentes elementos de monitoraxe como en relación ao alugueiro de prazas de estacionamento”.
Polo que respecta á participación da firma Televés, principal socia do proxecto e involucrada na iniciativa desde as súas orixes, participará na definición e posta en marcha do modelo GREeNs, habilitará os edificios dixitais centrándose en cubrir as necesidades de comunicación e a medición efectiva da pegada de carbono e apoiará o proceso que asegure que o modelo é compatible con outras comunidades autónomas, servizos e mercados.
En canto á Universidade de Santiago, a súa presenza canalizarase sobre todo a través do centro de novas tecnoloxías CiTIUS e de Uninova, o primeiro facendo o tratamento dixital da información sobre consumo de enerxía e calidade do aire que se vai recadar co seguimento dos edificios, e Uninova favorecendo a xeración de novas empresas innovadoras ao abeiro deste proxecto.
Prazos e orzamento
De ser seleccionado, o proxecto GREeNS desenvolveríase nun prazo de tres anos, dende setembro de 2019 ata setembro de 2022. O proxecto conta cun orzamento total de 4,5 millóns de euros, dos que 3,6 millóns de euros, o 80%, procederían da achega europea. O Concello de Santiago financiaría case 320.000 euros, e Televés sería o socio principal cunha achega de 228.000 euros. A Universidade de Santiago financiaría preto de 170.000 euros, e o resto correría a cargo doutros socios como Galuresa, EcoMT ou COAFGA.
Concello, USC e Televés xuntan forzas para limpar o aire de Compostela con novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo

